A visita ao Sarrià, "una final absoluta" para un Teucro en problemas
Por Diego Espiño
Non é moi dado Luís Montes a falar de partidos coma se fosen finais, pero tras cinco derrotas consecutivas e metidos en postos de descenso directo, o duelo deste sábado (19:00 horas) na pista do UE Sarrià é "sin lugar a dudas una final absoluta", recoñece o técnico da Sociedad Deportiva Teucro.
Trátase ademais dun rival directo na clasificación, situado só 2 puntos por riba, por iso "tenemos que ganar sí o sí, porque sino nos metemos en un lío muy importante", sinalou o preparador pontevedrés antes de poñer rumbo a terras catalás.
Os azuis viviron unha semana atípica tentando borrar da súa memoria a polémica derrota en Zamora nun partido que parecía encarrilado mediado o segundo tempo, unha controversia arbitral que "esperemos que no vuelva a ocurrir" nunha pista como a do Sarrià que se caracteriza por "una gran presión ambiental", sinala un Montes que este venres seguía á espera de saber se sería sancionado pola súa expulsión.
Os problemas acumúlanselle ademais ao técnico, debido á falta de efectivos na primeira liña do equipo. Isto é así pola lesión de Vicente Poveda, sen data aínda de regreso ás canchas, e polas dúbidas sobre o estado físico de Christopher Corneil, que viaxa sen poder adestrar ao longo da semana. Aínda por riba lesiónelas no filial de Primeira Nacional impiden reforzar esta parcela.
Roi Sierra e Cristian Remeseiro completarán nesta ocasión a convocatoria do Teucro para tan transcendental partido.