Repartición de puntos entre o Pontevedra B e o Atios (1-1) na Xunqueira
Por Redacción
Despois da goleada sufrida polo Pontevedra B na súa visita ao Atios por 6 goles a 1 na xornada seis, os granates resarcíronse da goleada cun empate na Xunqueira.
O choque complicouse para os granates á media hora de xogo cando viron como Mintegui enviaba o balón á rede para poñer ao Atios por diante no marcador, mantendo o 1-0 ata despois do descanso.
Tras a continuación, o Pontevedra loitou ata atopar o gol e, por mediación de Martín Diz cando se cumpría a hora de xogo, lograron a igualada coa que finalizou o encontro.
Os que tamén empataron foron Céltiga e Vilalonga no derbi disputado esta fin de semana no Salvador Otero.
Empezou adiantándose o Vilalonga cun tanto de Javi Vila no primeiro minuto de xogo e non foi ata a segunda metade cando chegaron o resto de goles.
Despois do descanso, concretamente no minuto 61, Carlos Gómez duplicou a renda visitante desde o punto de penalti e no 75, tamén desde o punto de penalti, Pillado recortou para meter ao Céltiga de novo no partido.
Co duelo practicamente decidido e a falta de 3 minutos para a conclusión, Eloy igualaba o encontro e poñía o 2-2 final.
Con este resultado, Vilalonga e Céltiga seguen cuarto e quinto con 46 e 45 puntos respectivamente.
O equipo que se atopa cada vez máis líder é o Ribadumia, que conseguiu esta fin de semana a súa terceira vitoria consecutiva tras superar ao Velle por 2 goles a 1.
Aínda que empezaron adiantándose os visitantes cun gol de Presas nada máis comezar a segunda metade, o Ribadumia non tardou en reaccionar e un minuto despois igualou a contenda cun tanto de Dieguito.
Co 1-1 no marcador, o encargado de sentenciar o encontro foi Fran Fandiño no minuto 61 que daba a vitoria aos locais.
Pola súa banda, o Beluso caeu goleado por 4 goles a 1 ante a Gran Peña, rival directo nos postos de abaixo da clasificación.
Non foi ata o minuto 16 cando chegou o primeiro tanto. Hugo López foi o encargado de enviar o balón á rede e poñer aos locais por diante no marcador.
O partido púxose costa arriba para o Beluso no minuto 38, cando Alex Villar duplicou a renda local superando a Kevin Castro. Acto seguido, nada máis sacar de centro, os visitantes recortaron distancias cun gol de Torres e mandar o partido ao descanso cun 2-1.
Despois do paso polo vestiario o Beluso buscou o igualada pero non chegou, senón que a Gran Peña sentenciou en dous minutos. No 68, Iván Serra puxo o 3-1 e, sen deixar tempo ao rival para que reaccionase, Saldaña sentenciou logrando o 4-1 co que concluíu o encontro.
O que tamén perdeu a domicilio, pero non de maneira tan clara, foi o Juventud Cambados que leva sen atoparse coa vitoria desde fai seis xornadas.
Esta fin de semana visitou ao penúltimo clasificado, o Valladares, que se adiantou no minuto 25 grazas a un gol de Héber Fernández. Co 1-0 no luminoso e co colexiado a piques de pitar o final da primeira metade, Rubén Figueiras aumentou a renda local ao fío do descanso.
Despois do intermedio, o Cambados conseguiu recortar diferenzas por medio de Pénjamo no minuto 62, pero unha boa defensa local impediu a igualada e o encontro finalizou en 2-1.
En canto ao encontro entre o Xuvenil de Ponteareas e o Portonovo, a vitoria caeu a favor dos locais grazas a un hat- trick de Iván Capelo.
O partido no que máis goles houbo foi o que disputaron o Xuventude Sanxenxo e o Mondariz, finalizando en 4-3 a favor dos de Baltar.
Tivo dificultades o Sanxenxo para gañar o encontro desta fin de semana a pesar de comezar gañando por 3-0 grazas aos goles de Alberto Míguenz (minuto 14), Félix (minuto 22) e Javi Nogueira (minuto 24).
O que parecía unha vitoria segura complicouse ao final da primeira metade cun gol de Brais que metía ao Mondariz no partido para chegar co 3-1 ao descanso.
Despois do intermedio, as cousas puxéronse feas para os locais, que viron como un dobrete de De Assis, igualaba a contenda.
Parecía que o partido acabaría en empate a 3, pero o Sanxenxo non podía deixar escapar a vitoria e, desde o punto de penalti no minuto 84, Alex Barbeito deu os tres puntos aos locais.
Relacionadas:
-
Nova derrota para o Pontevedra B en casa do Moaña (3-2) e o Xuvenil de Ponteareas golea o Vilalonga por 2-6
Por Redacción |
-
Un gol temperán condena o Pontevedra B na cancha do Areas (3-2)
Por Redacción |
-
O Pontevedra B reencóntrase coa vitoria á conta do Ponteareas (2-1) e o Ribadumia colócase líder tras vencer ao Portonovo (1-0)
Por Redacción |
-
O Pontevedra B déixa os tres puntos ante o Mondariz (0-1) e o Vilalonga perde o liderado tras caer contra o Gran Peña (0-1)
Por Redacción |