A Illa das Esculturas énchese de atletismo coa carreira popular '8K do Lérez'
Por Redacción & Cristina Saiz
Ao redor de 400 persoas concentráronse este domingo na Illa das Esculturas para celebrar a terceira edición da carreira popular '8K do Lérez'.
Despois do parón do 2019 no que non se celebrou, as beiras do río Lérez enchéronse de atletas de todas as idades nunha xornada deportiva comezou ao redor das 11:00 horas coas probas dos menores de 10 anos e unha hora despois coa carreira absoluta no circuíto de 4 quilómetros.
Na carreira curta, a de 4.000 metros, o gañador en categoría masculina foi Jorge Janeiro, que chegou á meta nun tempo de 13 minutos e 12 segundos. No podio acompañárono Diego González Martínez (13:37) e Iago López Fernández (13:49), mentres que na categoría feminina, Guadalupe Lodeiro impúxose cun tempo de 17 minutos e 19 segundos, seguida de Josefa Trabazo (18:24) e de Marta Ferro (19:29).
Pola súa banda, na carreira de 8.000 metros, o primeiro posto do podio foi para Ivo Maseda cun tempo de 25 minutos e 49 segundos, mentres que o segundo e o terceiro foron para Iván Manso (26:36) e Pablo Otero (26:47). En canto á categoría feminina, a primeira en cruzar a meta foi Laura Pérez cun tempo de 33 minutos e 37 segundos, con Margarita Villaverde en segunda posición (34:40) e Marisé Astorga en terceira (34:51)