Celia Cerviño pecha a súa participación no ITF de Sunderland cun novo segundo posto
Por Redacción
A tenista pontevedresa, Celia Cerviño, segue acumulando experiencia e grandes resultados a nivel internacional. Esta fin de semana alcanzou a final do cadro de dobres dun torneo ITF na cidade inglesa de Sunderland xunto á súa compañeira madrileña, María Gutiérrez. A final, que outorgaba un premio de 25.000 euros á parella gañadora, decantouse ao lado das tenistas locais Alicia Barnett e Olivia Nichols por 6-4 e 7-6.
Antes de alcanzar a final, Cerviño e Gutiérrez desfixéronse en primeira rolda dun dos dúos que partía como favorito ao título, a francesa Lou Brouleau e a romanesa Ioana Loredana Rosca. En cuartos de final desfixéronse das holandesas Eva Vedder e Judith Visscher, mentres que en semifinais tiveron que acudir ao tie break do terceiro set para eliminar á parella holandesa formada por Ariane Hartono e Richel Hogenkamp.
O bo facer da pontevedresa no cadro de dobres contrasta co seu papel no individual, no que caeu en primeira rolda. Aínda así, o balance para Cerviño é positivo debido a que demostrou recuperarse dunha molesta lesión de nocello que arrastraba desde o primeiro tramo de tempada en Mallorca. A prometedora tenista acumula xa dous finais e desde a súa contorna apuntan a que aínda ten unha ampla marxe de mellora por diante.
A galega fará agora unha breve escala en Pontevedra antes de cruzar o Atlántico para participar en polo menos dous torneos ITF na cidade mexicana de Cancún, á que ten previsto desprazarse o 6 de marzo.
Relacionadas:
-
Celia Cerviño, da pista de tenis ao frontón do edificio de Facenda
Por Diego Espiño |
-
Así pasan a corentena os deportistas pontevedreses
Por Almu Dapena |
-
Celia Cerviño ou a ilusión de dedicarse ao tenis profesional desde Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Celia Cerviño pecha o seu mellor ano con triunfo no Open de Pontevedra
Por Redacción |
-
Celia Cerviño, ante unha tempada clave para o seu futuro no circuíto tenístico profesional
Por Redacción |