Getafe B, unha volta despois do partido que dinamitou a tempada do Pontevedra
Por Diego Espiño
Máis de 4 meses despois, Pontevedra e Getafe B verán as caras na liga. Pasou xa unha volta de competición desde aquel encontro que fixo saltar polo aire a planificación da tempada granate, acabando coa etapa de Luismi no banco de Pasarón.
Por aquel entón os pontevedreses chegaban á cita tras un irregular inicio de liga pero coa esperanza de remontar o voo aproveitando a visita do por entón pechacancelas da liga. Con todo o filial azulón aproveitou a inxenuidade local para poñerse 0-3 no marcador aos 26 minutos de xogo enviando un torpedo á liña de flotación do equipo.
Aínda que o resultado final foi de 2-3, amenzando con empatar e mesmo remontar, a imaxe mostrada terminou co pouco crédito co que aínda contaba o técnico propiciando a súa destitución, co equipo a 1 puntos dos postos de descenso.
Asumiu nese momento o temón da nave, como interino, Jesús Ramos, e con el iniciouse unha reacción (dúas vitorias en dous partidos) que continuou coa chegada de Carlos Pouso. En total foron 4 vitorias seguidas que afastaron os postos perigosos e achegaron o obxectivo marcado en pretempada, xogar un play-off de ascenso que estaba xa a 3 puntos de distancia. Chegou a estar mesmo a 1 punto, xusto antes do parón de Nadal e da visita ao tamén pechacancelas nese momento San Sebastián de los Reyes, pero cando menos esperábase comezou de novo o declive do Pontevedra na táboa clasificatoria con ata 8 xornadas sen vencer que terminaron provocando a segunda substitución no banco.
De novo con Jesús Ramos como adestrador e despois dun mercado invernal no que chegaron futbolistas como Rufo, José García, Zabaleta e Adrián Cruz, os de Pasarón parecen dar un novo xiro de temón na súa particular montaña rusa poñendo a frecha ascendente, cun empate a domicilio ante o Atlético B e unha goleada na casa ao Real Madrid Castilla que cambiaron o panorama.
Con todo esa reacción debe de ser confirmada nas próximas xornadas, e aí aparece de novo un Getafe B que segue metido en postos de descenso, penúltimo con 28 puntos e a 4 da permanencia, mentres que o Pontevedra aínda que respirou, segue a 3 puntos do descanso e lonxe dos primeiros postos.
Nesta ocasión o duelo entre galegos e madrileños disputarase na casa do Getafe (domingo, 11:30 horas), un feudo do que voaron moitos puntos esta campaña xa que os azulóns son o segundo peor local da categoría con 5 vitorias, 1 empate e ata 7 derrotas. Iso si, a diferenza da primeira volta na que se presentaron na Boa Vila como últimos da táboa e en crise de resultados, nesta ocasión afrontarán a cita despois de encadear tres xornadas sen perder, con 2 triunfos e un empate.