Pontevedra enche de deporte e igualdade co Tour Universo Muller
Por Almu Dapena
O Tour Universo Muller chegou a Pontevedra.
Con motivo da celebración da 17 edición do gran evento, e coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller, a cidade do Lérez encheuse de diferentes actividades deportivas e lúdicas abertas a todo aquel que queira participar.
O Tour, que comezou o pasado venres co ciclo de charlas do Foro Universo Muller, tivo o seu acto inaugural este sábado ás 12:00 horas na avenida de Montero Ríos coa apertura da carpa na que se atopan dezaseis prazas onde diferentes clubs da cidade participarán durante os dous días que dure a celebración coa intención de visibilizar a presenza da muller no deporte.
En canto aos deportes que se mostran son tríatlon, ximnasia, rugby, balonmán, bádminton, hóckey herba, piragüismo, fútbol, voleibol, atletismo, tenis de mesa, deportes de xeo, karate, boxeo, esgrima e surf sen ondas.
Cada unha das federacións conta cun posto informativo e unha pista recreativa-polideportiva onde se poden practicar as diferentes modalidades deportivas ademais de ver as exhibicións dos clubs.
Con motivo da cita, na inauguración contouse cun gran maratón de fitness e coa exposición denominada ' Expotour', onde se repasa a historia do deporte feminino español desde as pioneiras ata as grandes promesas que acudirán aos Xogos Olímpicos de Tokio 2020.
O broche de ouro para esta gran festa do deporte e da igualdade, será o domingo 8 de marzo a partir das 11:00 horas coa celebración da carreira solidaria 'Pontevedra en Forma pola Igualdade'. A proba será de case 5 quilómetros polo centro da cidade e poderá participar todo o que queira a partir dos 12 anos, incribiéndose antes e pagando 4€ máis gastos de tramitación que irán destinados de maneira íntegra a Fademur (Federación de Asociacións de Mulleres Galegas).
Relacionadas:
-
O Tour Universo Muller chega ao seu fin e recada 2.000 euros coa carreira solidaria
Por Diego Torrado & Redacción |
-
O foro do Tour Universo Muller dá o pistoletazo de saída á fin de semana do deporte feminino en Pontevedra
Por Manu Otero |
-
O Foro Universo Muller xunta a deportistas, mestras e xornalistas para debater sobre o deporte feminino
Por Sara Iglesias |
-
As deportistas Teresa Portela e Sara Hurtado, principais referencias do 'Tour Universo Mujer' de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Tour Universo Mujer fai escala en Pontevedra para celebrar o Día Internacional da Muller
Por Manu Otero |