O Poio Pescamar leva o derbi ante o Ourense Envialia (2-3)
Por Almu Dapena
Derbi de altura o vivido esta fin de semana entre o Ourense Envialia e o Poio Pescamar que se volveron a ver as caras despois dos enfrontamentos de Liga, Copa da Raíña e Copa Galicia disputados no que vai de tempada.
En canto ao encontro desta xornada disputado no Pavillón dos Remedios, puidéronse ver diferentes fases. Os primeiros minutos foron do Ourense Envialia, que realizou unha presión alta desde o inicio provocando así a chegada do primeiro gol.
Abriu a lata Marta Rodríguez que, tras un roubo de balón de Sara Moreno e unha asistencia ao segundo pau, enviou o balón á rede de Caridad para poñer o 1-0 no luminoso cando se cumpría o minuto 4.
A posesión e o dominio do encontro era do Envialia cunha alta presión que non permitía ao Poio xogar cómodo ata que chegou o tanto do empate a balón parado. No minuto 9, Iria Saeta igualou a contenda cun lanzamento de falta directa que bateu en Judith e desviou o esférico á beira esquerdo da portería local.
Chegábase ao ecuador da primeira metade e o Ourense puido poñer o 2-1, pero o disparo de Sara Moreno estrelouse na madeira. Para as rojillas tamén a tivo Anna Escribano pero o balón bateu no pau da portería local.
Os últimos 5 minutos foron outro cantar. Con ambos os equipos con 5 faltas acumuladas chegou o mellor momento do Poio con tres grandes oportunidades que obrigaron a estirada da porteira local, chegando ao descanso co 1-1 no marcador.
No segundo acto foi o Poio o que tomou a dianteira. No minuto 3, Iria Saeta pasou de goleadora a asistente e enviou o balón a Dani Sousa, encargada de poñer o 1-2 e ás rojillas por primeira vez por diante no duelo.
As de Raul Jiménez dominaban, con todo, cando mellor estaban a xogar, un erro na saída de balón provocou o roubo de Sara Moreno que se encargou de igualar a contenda e poñer o 2-2.
Quedaban 5 minutos para o final do partido e de novo o Poio púxose por diante. Dani Sousa a pase de Anita Rivera finalizou a xogada poñendo o 2-3, marcado pola lesión de Sara Moreno que tivo que abandonar a cancha.
Tras o gol, o Ourense optou polo xogo de cinco pero o marcador non se moveu e o Poio acabou levándose os puntos do derbi.
OURENSE ENVIALIA (2): Vane; Laura Doce, Marta, Laura Uña e Sara Santos (quinteto inicial). Tamén xogaron, Sara Moreno, Judith, María, Candela e Iraia.
POIO PESCAMAR (3): Caridad; Ana Rivera, Cárol, Irene García e Dani Sousa (quinteto inicial). Tamén xogaron, Iria Saeta, Anna Escribano, Mirian e Lutxi.
Goles: 1-0, min. 4 Marta. 1-1, min. 9 Iria. 1-2, min. 23 Dani Sousa. 2-2, min. 28 Sara Moreno. 2-3, min. 36 Dani Sousa.
Árbitros: Carreira Romero e Martínez Torres do colexio galego. Amoestaron con cartolina amarela a Iraia e Sara Moreno no Ourense Envialia, e a Carol e Ana Rivera no Poio Pescamar.
Incidencias: Pavillón Os Remedios.
Relacionadas:
-
Silvia Aguete, nomeada mellor gardameta do mundo: "Que la gente reconozca tu trabajo es un orgullo"
Por Diego Espiño |
-
Raúl Jiménez deixa de ser adestrador do Poio Pescamar
Por Almu Dapena |
-
Novo derbi para o Poio Pescamar ante un 'vello coñecido', o Ourense Envialia
Por Redacción |
-
As baixas non poden co Poio Pescamar e imponse ao Bilbo por 3-1
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Nova derrota para un Poio Pescamar que non pode co UCAM Murcia (4-1)
Por Redacción |