O Poio asume o fin da liga e espera xogar a final da Copa da Raíña en pretemporada
Por Manu Otero
Á espera dunha reunión prevista para a tarde deste venres entre os representantes de todos os clubs da máxima categoría do fútbol sala feminino co vicepresidente da Real Federación Española de Fútbol, o presidente do Poio Pescamar, Juanjo García, mostra a súa predisposición para aceptar a proposta da RFEF de dar por finalizada a liga regular, pero mantén a esperanza de que a final a catro da Copa da Raíña, á que se clasificou o conxunto vermello, poida celebrarse. "Se se pode volver empezar a adestrar no verán, poderiamos facer a final durante a pretemporada", suxire o dirixente.
A idea da directiva do equipo pontevedrés é compartida por outros dous conxuntos tamén clasificados para a final. "Queremos xogala", subliña García, con todo a RFEF aínda non se pronunciou sobre as posibles datas para disputar esta final, nin tampouco se se chegará a xogar. "A saúde é o primeiro, faremos o que diga a Federación e estaremos de acordo", sostén o presidente, quen acepta que "o normal é dar por finalizada a liga, aínda que todos queriamos acabar as competicións".
Sobre a mesa está o plan de concluír a liga sen descensos pero si con ascensos desde a segunda división, o que deixaría unha primeira división para a próxima tempada con vinte equipos. "Temos 39 fins de semana libres e con copas e clasificatorio europeo, non se se van dar as datas", augura García. En Poio estarían dispostos a xogar entre semana, pero moitos clubs da categoría carecen da estrutura necesaria para afrontar ese tipo de calendario.
Tamén se mostran comprensivos na Seca coa necesidade de tomar decisións canto antes. "Os clubs necesitamos saber que vai pasar para traballar en renovacións, ademais temos a xogadoras de fóra encerradas en pisos lonxe das súas familias", relata o presidente que considera urxente comezar a planificar a próxima tempada e permitir ao plantel volver ás súas casas.
O plan de acción do Poio Pescamar pasa por esperar a que durante a próxima semana a RFEF determine o futuro da competición e a partir de aí empezar a planificar o seguinte curso. A moitas xogadoras ofreceráselles a ampliación de contrato como mostra de agradecemento polo bo rendemento ofrecido durante esta campaña. Ademais, o equipo conserveiro ten pechado xa ao seu novo adestrador, que será Manuel Cossío, confirmou o presidente Juanjo García.
Sobre a afectación da suspensión da actividade á situación económica do club, García quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade. "Estamos ben porque Pescamar xa fixo fronte ao seu patrocinio, o plan social de Ence permitiunos non ir a un Erte e contamos co apoio da Deputación, o Concello, a Xunta, a RFEF e a Federación Galega", agradece o directivo.
Con todo, sobre a próxima tempada se que hai maior incerteza. "Temos patrocinadores pequenos que o van a pasar mal", expón García, quen se mostra favorable a perdoarlle a súa contribución ao club. Ademais é posible que os partidos teñan que celebrarse a porta pechada, polo que os ingresos por abonados tamén se verían mermados. Aínda así, en Poio son favorables a xogar aínda que sexa sen público. "Temos que elixir entre perder a esencia do fútbol ou non volver xogar en moito tempo", expón García, quen se compromete a buscar o método e a realizar o investimento necesario para televisar todos os partidos do seu equipo.
Sobre a devolución da cota aos socios pola suspensión da liga, o Poio Pescamar realizará o desconto proporcional no abono da próxima tempada ou devolverá directamente os fondos dos tres partidos como local que restaban da liga regular a aqueles socios que o soliciten.
Relacionadas:
-
Iria Saeta, primeira saída nun Poio Pescamar que empeza a planificar a próxima tempada
Por Diego Espiño |
-
Final de tempada para o Poio Pescamar e playoff exprés para Leis e O Fisgón
Por Manu Otero |
-
A Xunta baralla a opción de que o deporte base se retome no último trimestre do ano
Por Redacción |
-
Louzán alíñase con Rubiales e considera que un playoff exprés para 2ª B e Terceira é a opción "menos lesiva"
Por Manu Otero |
-
A RFEF abre a porta dar por finalizadas as ligas en 2B, Terceira e Fútbol Sala sen descensos e un play-off express
Por Diego Espiño |
-
O pontevedrés Manuel Cossío é o elixido para dirixir ao Poio Pescamar
Por Redacción |
-
A Federación Española adiantará 4 millóns aos clubs de Segunda B, Terceira e Fútbol Sala
Por Redacción |