Liga de filiais ou un novo nivel cos 16 equipos de playoff, outras propostas de futuro para a Segunda B
Por Manu Otero
Hai anos que todos os estamentos do fútbol consideran necesaria unha reestruturación da categoría de bronce do fútbol español para facela máis competitiva deportiva e economicamente. O parón provocado pola pandemia do coronavirus pode precipitar esta modificación. A RFEF manexa a posibilidade de crear dous grupos de elite para a próxima tempada, pero moitos outros clubs senten prexudicados e traballan na procura de apoios para facer valer as súas propias propostas.
A expulsión dos filiais de equipos profesionais das categorías de Segunda B e Terceira para crear unha división propia para este tipo de conxuntos é o que suxire o San Roque de Lepe. Unha proposta que está a calar entre algúns clubs do sur de España e que inclúe o ascenso de vinte equipos desde Terceira División para manter a actual estrutura de catro grupos de vinte clubs en Segunda B. O rechamante da súa proposta é o formato de fase de ascenso no que participarían os oito primeiros de cada grupo de Terceira División e outros 16 equipos adicionais para conformar tres roldas eliminatorias a partido único das que sairían os vinte ascensos.
De acordo coa proposta inicial da RFEF de aumentar o número de equipos en Segunda B con dous grupos PRO ademais dos catro convencionais, outros equipos de Terceira piden o ascenso directo dos 18 campións de cada grupo e un play- off entre os catro seguintes clasificados de cada un dos 18 grupos que compoñen esta categoría e do que sairían outros 18 ascensos. No caso de Galicia, subiría o Compostela de forma directa como actual líder e disputaríanse a outra praza Ourense CF, Arousa SC, Barco e Choco.
En referencia exclusiva á Segunda B existen equipos que senten prexudicados coa posible creación de grupos PRO. Badaxoz e Cultural Leonesa están entre os máis belixerantes e para eles a mellor solución é crear unha nova categoría intermedia entre Seguna e Segunda B cos 16 equipos que ocupan actualmente postos de fase de ascenso. Non renuncian á celebración do playoff exprés proposto por Rubiales, nese caso os catro descendidos de Segunda substituirían aos catro ascendidos desde Segunda B neste novo grupo de elite.
Tampouco pechan a porta para ampliar a vinte esta nova categoría, para o que planean un playoff entre os quintos e sextos clasificados de cada un dos catro grupos da actual Segunda B no que oito equipos competirían polas catro prazas de promoción á nova categoría.
Ademais, a idea destes equipos é que se manteñan os descensos a Terceira.
Doutra banda, o UCAM Murcia sondea a posibilidade de concluír a presente tempada con eliminatorias que determinen os ascensos e descensos en cada un dos grupos. Así os dez primeiros clasificados de cada grupo enfrontaríanse entre se en eliminatorias directas e o gañador da final faríase co premio do ascenso a Segunda División.
Mentres que os dez últimos clasificados competirían por evitar o descenso co mesmo formato.
Para este martes estaba prevista unha reunión entre o presidente da RFEF, Luís Rubiales, e os presidentes de todas as federacións territoriais para abordar de novo o futuro das competicións de Segunda B e Terceira despois do achegamento de posturas entre o ente federativo e a a Liga de Fútbol Profesional que podería dar un envorco á idea inicial exposta por Rubiales de dar por terminadas as ligas regulares.
Relacionadas:
-
A RFEF resolve a 2ª B e Terceira sen descensos e cunha fase de ascenso exprés para os catro primeiros de cada grupo
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra non podería volver aos adestramentos ata a fase 2 da desescalada
Por Diego Espiño |
-
Semana decisiva para coñecer o futuro da Segunda B
Por Diego Espiño |
-
A Segunda División B, nunha encrucillada
Por Diego Espiño |
-
Propoñen crear unha Segunda B PRO na que competiría o Pontevedra a próxima tempada
Por Alejandro Espiño |
-
Louzán alíñase con Rubiales e considera que un playoff exprés para 2ª B e Terceira é a opción "menos lesiva"
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra pide a cancelación da competición "para todos" ao ver "inxusta" a proposta de permitir ascensos
Por Diego Espiño |
-
A RFEF abre a porta dar por finalizadas as ligas en 2B, Terceira e Fútbol Sala sen descensos e un play-off express
Por Diego Espiño |