Reunións telemáticas e incerteza entre os clubs galegos de fútbol e fútbol sala
Por Redacción
No medio dun clima de incerteza e dúbidas sobre o seu futuro, os clubs galegos de fútbol e fútbol sala compartiron coa Real Federación Galega de Fútbol as súas impresións sobre a crise derivada pola alerta sanitaria.
Membros da xunta directiva federativa, co seu presidente Rafael Louzán á cabeza, protagonizaron estes días unha serie de encontros telemáticos cos clubs das distintas categorías nacionais e rexionais, empezando polos catro equipos galegos que militan na Segunda División B (Pontevedra, Coruxo, Celta B e Rácing de Ferrol) para seguir cos de Terceira (20 equipos), Preferente (40) e Primeira Rexional (90). Ao longo da semana seguiranlles tamén o resto de categorías do fútbol afeccionado.
Ademais tamén se organizaron reunións do fútbol feminino, o fútbol sala tanto masculino como feminino e o fútbol veterano.
O obejtivo era poñer sobre a mesa as inquietudes dos equipos xunto ás súas ideas ou suxerencias "en todos os ámbitos, pero principalmente desde o punto de vista competitivo", explicou a Federación.
Máis aló da cancelación da tempada actual, que na maioría de casos dáse por feita, a incerteza céntrase no caso do fútbol no modelo de competición que se pode instaurar a partir deste intre, cun posible incremento de equipos na Segunda B, mentres noutras competicións como o fútbol sala feminino equipos como o Poio Pescamar expresaron o seu desexo de, polo menos, poder gozar da fase final da Copa da Raíña á que se clasificaron e que agora está no aire.
"A Federación deixa claro que a prioridade absoluta agora mesmo é a saúde e ante as dúbidas dos clubs móstrase aberta a escoitar as diferentes propostas para o futuro da competición", sinalou tras os encontros o organismo reitor do fútbol autonómico.
Relacionadas:
-
A Federación Galega de Fútbol, pendente da decisión da RFEF para actuar sobre as competicións autonómicas
Por Redacción |
-
A Segunda División B, nunha encrucillada
Por Diego Espiño |
-
Louzán alíñase con Rubiales e considera que un playoff exprés para 2ª B e Terceira é a opción "menos lesiva"
Por Manu Otero |
-
A Federación Galega dará por rematadas todas as ligas de fútbol base e afeccionado
Por Manu Otero |