Gómez Noya lembra o Europeo do 2011 en Pontevedra como un dos peores momentos da súa carreira
Por Manu Otero
O Campionato de Europa de tríatlon que se celebrou en xuño do 2011 en Pontevedra é difícil de esquecer. A cidade vestía as súas mellores galas para gozar dun deses grandes eventos deportivos que tanto gustan nas beiras do Lérez e os triatletas locais, con Javier Gómez Noya á cabeza, esperaban ansiosos a saída para gozar do ambiente e brindar á afección un espectáculo memorable.
O pentacampión do mundo aproveitou o parón pola corentena para participar nunha charla emitida en directo pola canle de Instagram da Federación Española de Tríatlon na que repasou a súa carreira, respondeu preguntas dos fans e lembrou aquela cita pontevedresa como " unha das peores experiencias" da súa carreira deportiva. Todo se torceu no primeiro segmento de carreira cando desde a mesma liña de saída o británico Harry Wiltshere pegouse ao deportista galego para sabotear a súa carreira.
"Houbo unha acción antideportiva, foi a por min desde a saída", relata Gómez Noya. "Levoume cara ao centro do río, pechoume contra as rocas, fíxome perder os nervios", detallou o triatleta facendo referencia a un acoso retransmitido por televisión. "Víronse moitas actitudes, pero houbo outras que non", lembra aínda con enfado o deportista afincado en Pontevedra.
Na retina dos centos de persoas que se apiñaban nas bancadas do paseo do Lérez, na avenida de Buenos Aires, aínda está gravada a lume aquela saída da auga na que o británico, despois de golpear reiteradamente a Gómez Noya durante a natación e co firme propósito de favorecer aos seus compatriotas, os irmáns Brownlee, e deixar descolgado ao español, bloqueou a saída do ferrolán baixo os apupos do público.
"Cheguei á última bolla séptmo e saín a 30 da auga", lembra Gómez Noya, quen se preparou a conciencia para estar entre os mellores no segmento no que o seu dominio é menos férreo. "De aí non me saca ninguén", chegou a dicir o triatleta sobre que ocorrería se a carreira disputásese en condicións normais.
"Foi unha pena porque era unha carreira moi importante para min por correr en casa, facíame especial ilusión. Era un Europeo, aínda que logo puiden gañar catro", consólase o pentacampeón mundial.
A pesar do ocorrido e do insalvable da distancia co grupo de cabeza, Gómez Noya tentou remontar. "En bicicleta ía no grupo perseguidor, pero Harry seguia polo medio. Logo corrín mal, atopeime fatal e estaba lonxe de loitar por nada", conclúe o deportista admitindo que ao final da carreira centrouse en terminar da mellor maneira posible.
Tras cruzar a liña de meta, os que coñecen a Gómez Noya confesan non velo tan alterado nunca, "o xuíz veu falar comigo sobre o que pasou na auga e Harry foi sancionado seis meses por conduta antideportiva", narrou o pontevedrés dando por resolto aquel episodio.
Durante a súa charla, os fans tamén puideron escoitar historias con finais máis felices como a consecución da medalla de prata nos Xogos de Londres despois dunha intensa pelexa cun dos Brownlee e lanzou unha mensaxe de optimismo para a próxima cita olímpica á que espera chegar con opcións de medalla a pesar da suspensión polo coronavirus.
Relacionadas:
-
Javier Gómez Noya asegura que se pospoñen o Ironman de Hawaii para febreiro de 2021, "me centraría en los Juegos de Tokyo"
Por Almu Dapena |
-
Gómez Noya vese nos Xogos de Tokyo en 2021, aínda que "o tempo non corre ao meu favor"
Por Diego Espiño |
-
A Federación Internacional de Tríatlon amplía o parón das súas competicións ata o 30 de xuño
Por Redacción |