Deportistas e clubs locais súmanse ao 'Poio Móvese na Casa' compartindo vídeos de adestramentos
Por Redacción
Apostar polo mantemento de hábitos saudables é importante, pero especialmente durante o confinamento que estamos a vivir.
Por iso, desde a Concellería de Deportes de Poio impulsaron o programa 'Poio Móvese na Casa', que ten como obxectivo fomentar a práctica de actividade física por parte dos veciños nos seus domicilios.
Para o desenvolvemento da iniciativa, o departamento dirixido por Marga Caldas conta coa colaboración desinteresada de clubs e deportistas do municipio, que non dubidaron en gravar titoriais e vídeos explicativos nos que mostran os exercicios e rutinas que levan a cabo para manter a forma mentres non se retoman as competicións.
Desta maneira, a través dos perfís oficiais dos que dispón Poio Móvese nas redes sociais, todo o que queira poderá seguir os vídeos da porteira do Poio Pescamar, Silvia Aguete, o piragüista Sergio Vallejo, o campión de España de tiro con arco, Mateo Palmeiro, o instrutor de pádel surf, Cassio Giménez; e os regatistas Pedro Ameneiro e Paula, Paloma e Miriam González Esteban.
Así mesmo, durante os próximos días colgaranse vídeos gravados polo Club Saraiba ou polo monitor do ximnasio municipal da Seca, que tamén está a desenvolver titoriais para que os usuarios das instalacións poidan continuar coas súas rutinas mentres as dependencias seguen pechadas.
Pola súa banda, a concelleira de Deportes quixo agradecer aos deportistas e entidades por "axudar aos veciños para levar mellor este confinamento a través da práctica do exercicio".
Finalmente, lembran que desde o Concello están a realizar un esforzo económico para evitar perdas entre os clubs e están a aplicar descontos nas cotas da próxima tempada para os rexistrados nas Escolas Deportivas e compensar a suspensión derivada do estado de alarma.
Relacionadas:
-
Recepción ás ximnastas do club Saraiba polos seus éxitos
Por Redacción |
-
Poio inicia a actividade das súas escolas deportivas municipais con preto de 350 inscritos
Por Redacción |
-
O Concello de Poio vixía que os maiores tamén traballen a memoria durante o confinamento
Por Redacción |
-
O Concello convida a centros e docentes a celebrar o Día da Educación Física na casa
Por Redacción |
-
Poio apostará pola organización de eventos deportivos para impulsar o turismo e a economía local
Por Redacción |
-
RADIO.- A playlist de... Silvia Aguete, a mellor porteira do mundo en fútbol sala
Por Cristina Saiz & Marisa Ciordia |
-
Así pasan a corentena os deportistas pontevedreses
Por Almu Dapena |