O TM Monte Porreiro xogará competición europea a próxima tempada
Por Diego Espiño
Seguro teríalle gustado certificalo na pista de xogo, pero iso non resta nada de mérito ao que logrou facer o Tenis de Mesa Monte Porreiro na que era a súa segunda campaña na Superdivisión Masculina.
O conxunto pontevedrés xogará a próxima tempada competición europea, despois de que a Comisión Delegada da Real Federación Española de Tenis de Mesa confirmase o seu criterio final sobre as ligas nacionais canceladas no seu momento pola alerta sanitaria do coronavirus.
No momento da suspensión o Monte Porreiro Visit Pontevedra marchaba quinto clasificado, e ese lugar serviralle para disputar por primeira vez na súa historia un torneo continental.
Segundo o criterio federativo o Real Cajasur Priego TM, líder da máxima categoría, proclamouse campión de liga, establecéndose seis prazas europeas e eliminando os descensos. Desta forma ademais do Priego e o conxunto pontevedrés, xogarán en Europa os equipos de ASISA Borges Vall, Irún Leka Enea, Arteal TM e Universidad de Burgos TPF.
Esta decisión, con ascensos desde a División de Honra pero sen descensos, supoñerá un cambio no formato de competición para a próxima tempada, xa que a Superdivisión pasará dos 12 equipos actuais a 14, que se repartirán en dous grupos de sete nun sorteo no que se terá en conta a clasificación do curso recentemente finalizado.
A Federación explica que se disputará unha fase regular a dobre volta entre os conxuntos de cada grupo e os tres mellores obterán praza europea e acceso a un play- off final polo título da Superdivisión. Pola súa banda os equipos clasificados na quinta e sexta posición de cada grupo disputarán un play-out pola permanencia para determinar dúas das prazas de descenso, xa que as outras dúas serán de forma directa para os peores clasificados de cada grupo.
Desta forma está previsto recuperar o formato tradicional dun único grupo de 12 equipos para a campaña 2021-2022.
DIVISIÓN DE HONRA FEMININA E PRIMEIRA NACIONAL
A decisión de eliminar descensos e permitir ascensos mantense no resto de categorías, empezando pola División de Honra Feminina na que milita o Monte Porreiro, aínda que desde a súa sétima praza na zona tépeda da táboa no momento do parón isto non afecta demasiado as pontevedresas.
En todo caso a División de Honra tamén cambiará de formato para a tempada 20-21 con dous grupos de 9 equipo e outro de 10, establecéndose por criterios de proximidade xeográfica. Haberá unha fase regular e un play-off de ascenso cos tres primeiros de cada grupo, mentres que os descendidos serán os dous peores equipos de cada grupo.
Por último as boas noticias para o Tenis de Mesa Monte Porreiro redondéaas o filial masculino de Primeira Nacional, que marchaba segundo de grupo e que ascenderá á División de Honra.
Relacionadas:
-
O novo proxecto do TM Monte Porreiro feminino, 100% galego e coa idea de "chegar á fase de ascenso"
Por Diego Espiño |
-
O TM Monte Porreiro despídese de Europa por non disputar a Copa do Rei
Por Almu Dapena |
-
A tempada acaba definitivamente para o TM Monte Porreiro tras a suspensión do Campionato de España
Por Diego Espiño |
-
Confirman a finalización das ligas nacionais de tenis de mesa: "Era imposible poder acabarlas"
Por Diego Espiño |
-
Nando Álvarez, adestrador do TM Monte Porreiro: "hay mucha incertidumbre y no se sabe si se acabarán las ligas"
Por Almu Dapena |