Víctor Gallego: "Faríame ilusión ser o capitán da Gimnástica cando o equipo faga os 100 anos"
Por Redacción
A Sociedade Gimnástica de Pontevedra compartiu unha entrevista realizada ao deportista Víctor Gallego, na que conta algunhas das súas anécdotas en toda a súa vida atlética e os seus obxectivos nun futuro próximo.
O atleta do club pontevedrés xa é unha eminencia no atletismo autonómico e ximnástico. Este inverno coroouse como o deportista con máis medallas de ouro en campionatos galegos absolutos e sente orgullo "xa que quere dicir que é o traballo de moitos anos estando aí arriba, onde o complicado é manterse e que non che desbanquen."
Tamén é o atleta que máis veces gañou nas xornadas de liga de División de Honra, con 13 vitorias na súa marcadora. "Iso si que me dá orgullo, máximo orgullo, porque as experiencias cos demais compañeiros, moitos deles amigos, son os grandes recordos que tes", explica.
Falando dos mellores recordos, Gallego explica que un deles foi cando entrou na final do europeo de Lituania, os ouros nos campionatos de España ou "un recordo inesquecible foi en 2011, cando fomos á fase final polo título contra o Praias de Castelló, Marathon de Madrid e o Benicantil de Alacante".
Con todo, na vida de todo deportista hai momentos bos e malos, e un dos peores para o atleta da Gimnástica foi o campionato de España de federacións cando era xuvenil. "Adestrei todo o verán para ese campionato, chegaba moi ben e debería gañar ou como pouco loitar pola vitoria, e fixen 2 lanzamentos nulos e quedeime fóra da competición".
En canto á situación anómala de confinamento que se está vivindo a causa do coronavirus que impide adestrar con normalidade, atrévese a chancear "xa non estaba a adestrar moito no estadio así que tampouco me cambiou moito a vida para pasar a adestrar a casa. De feito, fago algo máis, xa que teño máis tempo libre."
Con respecto aos seus plans de futuro, Gallego non sabe o que fará "todo depende a que nivel falemos agora teño tantas frontes abertas que o meu nivel de esixencia atlética é moi baixo". En calquera caso, o que lle faría máis ilusión é "ser o capitán cando a Sociedad Gimnástica de Pontevedra faga os 100 anos" e "seguir vinculado ao atletismo".
Relacionadas:
-
A Federación cancela as ligas de atletismo para esta tempada e substitúeas pola Copa de España de clubs
Por Redacción |
-
Os atletas da Gimnástica retoman os adestramentos en grupo
Por Redacción |
-
Desescalada no deporte: así viviron os atletas da Gimnástica os seus primeiros adestramentos no exterior
Por Redacción |
-
A Deputación adianta case 3 millóns de euros en axudas deportivas
Por Redacción |
-
Temor na Gimnástica a que o coronavirus obrigue a reformular eventos como a San Silvestre
Por Manu Otero |
-
O confinamento é equiparable a "unha lesión común para todos de longa duración", asegura Santiago Ferrer
Por Diego Espiño |