Redución de prazos nas subvencións deportivas provinciais para tentar axilizar a súa tramitación
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este luns as bases das subvencións para clubs deportivos de modalidades náuticas e para entidades federadas que participan en categoría nacional.
A novidade reside nos prazos habilitados para a presentación de solicitudes, e que se reducen á metade ao pasar de 30 a 15 días para tentar axilizar no posible a tramitación das axudas.
"Axilizamos a publicación destas dúas liñas de axudas para que os clubs deportivos poidan ter canto o antes posible recursos para enfrontarse á complicada situación derivada da crise da Covid-19", sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva.
Ademais a institución provincial anuncia que serán máis flexibles na computación dos gastos de quilometraxe "entendendo o prexuízo que crea o parón das competicións".
A liña de subvencións ao deporte federado de categoría nacional contará cun orzamento de 775.000 euros, explica a Deputación. Unha partida da que o pasado ano beneficiáronse 75 entidades deportivas de 10 modalidades.
Pola súa banda en canto ao deporte náutico, pensado para clubs de remo, vela ou piragüismo, as subvencións terán un orzamento de 500.000 euros.