O Pontevedra, clasificado para a próxima edición da Copa do Rei... de momento
Por Diego Espiño
A Comisión Delegada da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) ratificou este venres como era de esperar a proposta de dar por finalizada as ligas regulares de Segunda B e Terceira, ademais do resto de ligas non profesionais de fútbol feminino e fútbol sala, eliminando os descensos pero mantendo os ascensos cuns play-off exprés sempre que o permitan as condicións sanitarias.
Trátase dunha decisión que debuxa un panorama incerto para os clubs, cunha categoría de bronce que pasará a ter 100 equipos repartidos en 5 grupos como paso previo a unha reestruturación que culminará coa creación da Segunda B PRO, categoría profesionalizada cos 40 mellores do próximo curso.
Os interrogantes seguen sendo moitos, e entre eles aparece unha competición que de momento se deixou de lado nestas medidas, a Copa do Rei, e que desde o seu cambio de formato supón un caramelo para os conxuntos modestos.
Todo apunta a que por segunda tempada consecutiva o Pontevedra Club de Fútbol estará no Torneo do K.O., a condición de que a Federación respecte a clasificación da liga no momento da suspensión. Os granates, novenos, estaban fóra dos 7 postos que segundo as bases de competición outorgan praza copeira de maneira directa, pero ao estar por encima dous filiais como Atlético B e Castilla entrarían como último clasificado.
De todos os xeitos a RFEF aínda debe tomar unha decisión respecto diso ao non completarse a tempada, e tendo en conta ademais a dificultade que supoñerá atopar datas para xogar o próximo curso se este termina iniciándose finalmente no outono como se especula. As ligas apuntan cara a un formato comprimido, e haberá que ver se a Copa segue o seu ronsel.
Non se trata dun asunto secundario, e é que o premio económico por participar na Copa do Rei é importante para un club como o Pontevedra. Sen ir máis lonxe, a súa participación este ano no torneo supuxo ingresar 35.000 euros a pesar de perder na primeira eliminatoria (serían 45.000 de xogar a domicilio), un premio que se multiplica no caso de avanzar rolda.
Se se manteñen os criterios, os equipo clasificados para a Copa no Grupo I da Segunda B serían Atlético Baleares, ibiza, Peña Deportiva, Coruxo, Rayo Majadahonda, Internacional e Pontevedra, ao que se sumarían dous galego máis, o Compostela como campión de Terceira División e o Ourense CF como un dos segundos de mellor coeficiente.
Relacionadas:
-
Jaouad Erraji despídese do Pontevedra, que xa prepara a próxima tempada
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra traslada ao presidente da RFEF, Luís Rubiales, a súa desconformidade coa resolución da Segunda B
Por Manu Otero |
-
Entrar na Segunda B PRO, toda unha necesidade para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Os equipos galegos de Segunda B "probablemente non estean no mesmo grupo" a próxima tempada, asegura Louzán
Por Redacción |
-
A RFEF resolve a 2ª B e Terceira sen descensos e cunha fase de ascenso exprés para os catro primeiros de cada grupo
Por Manu Otero |
-
Louzán alíñase con Rubiales e considera que un playoff exprés para 2ª B e Terceira é a opción "menos lesiva"
Por Manu Otero |
-
A RFEF abre a porta dar por finalizadas as ligas en 2B, Terceira e Fútbol Sala sen descensos e un play-off express
Por Diego Espiño |