O Fisgón, a dúas vitorias do soño de xogar en primeira
Por Redacción
Tras os diversos comunicados emitidos pola Real Federación Española de Fútbol e a Real Federación Galega de Fútbol, O Fisgón comeza a ter marcado o calendario de competición que deberá superar para chegar a Primeira División do fútbol sala feminino.
As de Marín disputarán o seu primeiro partido o sábado 18 de xullo na primeira das eliminatorias, onde terán que enfrontarse ao Valdetires Ferrol FSF na Coruña, sede do playoff deste Grupo I da Segunda Nacional feminina. Este encontro enfrontará ao segundo e terceiro clasificado na competición regular.
O segundo partido, en caso de superar ás de Ferrol, será unha semana máis tarde contra o primeiro clasificado do grupo, o Viaxes Amarelle FSF, nun horario que está aínda por determinar.
Con estas datas marcadas case como definitivas, no caso de que a desescalada siga o seu curso, o club marinense reactivou e acelerou todos os seus efectivos e maquinaria, tanto no referente á preparación técnico-táctica como á preparación física e psicolóxica.
Ademais, segundo trasladan desde o club, desde os diferentes departamentos están a mobilizarse todos os recursos dispoñibles para competir nas mellores condicións posibles, coidando a saúde do corpo técnico e das xogadoras e seguindo as recomendacións do CSD, RFEF e RFGF. Co paso dos días e as semanas, as xogadoras van avanzando na súa preparación, pasando polas diferentes Fases de Adestramento indicadas pola RFEF, baixo as ordes de Pili Costa e Ander Muñoz.
Doutra banda, e como consecuencia das decisións adoptadas polas Federacións de dar por finalizadas as competicións de base, o club comunicou hai uns días a todas as integrantes da súa Escola o cesamento da actividade da mesma en todas as categorías.
Así mesmo, durante este verán, O Fisgón realizará unha forte aposta na promoción da Escola para a próxima tempada 2020/2021, buscando difundir o fútbol sala o máximo posible na provincia de Pontevedra, no Morrazo e especialmente nos concellos de Marín e Moaña, cos que está especialmente vinculado e dos que máis se nutre a súa base.
Se a desescalada permíteo, a entidade ten previsto realizar unha despedida para a Escola e diversas accións de captación de xogadoras en todas as categorías.
Relacionadas:
-
O Valdetires de Ferrol e o Viaxes Amarelle, "rivales muy duros" para O Fisgón no seu soño polo ascenso
Por Almu Dapena |
-
A Federación Española de Fútbol pon data posible aos play-off de Arosa, O Fisgón e Leis
Por Redacción |
-
Fase 2 de desescalada no deporte: Arosa, Leis, e O Fisgón, coa mente posta nos play-off de ascenso
Por Almu Dapena |
-
Así queda a Copa da Raíña para o Poio Pescamar e os play-off de O Fisgón e Leis
Por Diego Espiño |
-
O Fisgón contrata un preparador físico para preparar o playoff
Por Manu Otero |