Na familia Fandiño Reissmann os ascensos celébranse de tres en tres
Por Diego Espiño
Puertollano, 22 de xuño de 2014. Fran Fandiño chora de rabia tras a eliminación do Pontevedra no último e definitivo partido do play- off de ascenso á Segunda División B. O pontevedrés, peza importante naquela fase de ascenso, non conseguira subir co equipo da súa vida, e era consolado polos seus compañeiros sobre o propio céspede.
Aquel partido despois de deixar na cuneta a Portugalete (con dous goles de Fran) e a Granadilla (tamén marcou en Pasarón), puido supoñer unha páxina de ouro na historia do club granate, e tamén o colofón a unha tempada de ilusión na familia Fandiño-Reissmann, xa que os seus dous irmáns, Marcos e Cristian, foran partícipes apenas unhas semanas antes do histórico primeiro ascenso do Marcón Atlético a Preferente.
Agora, seis anos despois, todos eles puideron sacar en parte aquela espiña que supuxo a decepción do menor da saga, porque tras a suspensión da competición polo Covid-19 esta semana a resolución da Real Federación Galega de Fútbol certificou o ascenso dos tres, cada un defendendo unhas cores e nunha categoría distinta. Fran fíxoo co Ribadumia, retornando á Terceira División, mentres que Marcos apura os seus últimos anos de futbolista en activo no A Lama que subiu a Primeira Rexional. Pola súa banda Cristian, o mediano dos tres irmáns, segue relacionándose co deporte do balón no recentemente creado SD Alba de veteranos, e que no seu primeiro ano quedou campión de grupo.
"Foi unha pouco casualidade. Empezamos a falar que este ano un en cada equipo para ver se ascendemos, e aí quedou a cousa, pero claro agora como se suspendeu todo e a Federación decidiu pois mellor... haberá que celebralo", explica Marcos Reissmann, todo un veterano dos campos de fútbol e que aos seus 41 anos aínda valora se continuar un ano máis ou cambiar de terzo e unirse ao SD Alba veterano, do que ademais é directivo.
"Os tres á vez é raro que pase", recoñece tamén Cristian, mentres que Fran defende o traballo de todo o ano de cada un dos equipos porque "á fin e ao cabo eramos os tres líderes. Ou se torcían moito as cousas ou iamos ascender pero é certo que te pos a miralo e é curioso".
Fran Fandiño, ao que aínda queda corda para seguir unhas tempadas máis en activo, non se esquece daquel 2014 no que tan preto estiveron de lograr o mesmo, e é que "para o Marcón e para eles era moi importante, e para min imaxínache o que era poder subir a Segunda B co Pontevedra... pero ao final non saíu e mira, seis anos despois aquí nos tes".
Ningún sabe o que lles deparará o futuro, pero quédalles algo por facer no mundo do fútbol, poder xogar xuntos. Aí é onde aparece de novo o Alba, a condición de que o menor dos irmáns decida colgar as botas. "Cando el decida deixalo aí estaremos", sinala Marcos, que xogou co seu irmán Cristian pero non con Fran, do que lle separan 10 anos e ao que si se enfrontaron nalgún amigable. "É algo que o teño entre cella e cella, xogar xuntos si ou si", sinala.
Mentres tanto, en plena desescalada, o plan é celebralo en familia, e xa teñen fixada a data para a primeira fin de semana de xuño. "Unha comida planeada para celebrar todo, ascensos, a nena de Fran... vai todo nun", recoñece Cristian, quen non se esquece en toda esta historia "do noso pai estea onde estea" e que seguro sentirá orgulloso deles.
Aínda por riba, Marcos pon o colofón. Ascensos futboleiros, un nacemento na familia, moitas ganas de xuntarse todos tras o confinamento e "a miña nai gastou un euro na lotería e tocáronlle 1.500, ou sexa que mamá paga". Seguro que non lle importa.
Relacionadas:
-
O Ribadumia presenta a Charles e Pablo González e avanza con paso firme na composición do plantel
Por Redacción | Creada e actualizada
-
27 de xuño, día festivo para os granates
Por Manu Otero |
-
O Ribadumia renova o seu capitán, Miguel Vázquez
Por Redacción |
-
O Ribadumia celebra o ascenso a Terceira División
Por Redacción |
-
A Federación Galega fai oficial o ascenso do Ribadumia a Terceira e do Umia, a Preferente
Por Manu Otero |
-
A Asemblea da Federación Galega de Fútbol valida o fin das competicións aplicando a clasificación ao 14 de marzo
Por Redacción |
-
Non puido ser: Outro ano no inferno tras empatar (0-0) en Puertollano
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado | Creada e actualizada
-
Festa no Carrasco: o Marcón ascende a Rexional Preferente por primeira vez na súa historia
Por Redacción |