O novo proxecto do TM Monte Porreiro feminino, 100% galego e coa idea de "chegar á fase de ascenso"
Por Diego Espiño
Aínda son moitas as incógnitas que rodean ao que será a competición a próxima tempada no tenis de mesa nacional, do mesmo xeito que noutros deportes, pero o Monte Porreiro avanza na súa planificación, especialmente no que respecta a o seu equipo feminino de División de Honra.
A base do mesmo seguirá formada con xogadoras de casa como Noa Bernárdez ou Noelia Santiago, que regresa ao equipo, xunto á xove Mar Rivas, que se consolida na formación. A este trío engadíuselle ademais como fichaxe a santiaguesa Judith Cobas, tras un par de tempadas xogando para o Linares.
Cobas, subcampioa de España xuvenil e 5ª no ranking nacional sub-23, supón a guinda a un bloque 100% galego no que seguirán botando unha man se é posible Eli Cadilla ou Tere Nine.
Con estas vimbias "gustaríame chegar á fase de ascenso", recoñece sen complexos o director deportivo do club, Nando Álvarez, esperando repetir o éxito de hai dúas tempadas e cun ollo posto na Superdivisión na que xa milita o conxunto masculino.
Se o coronavirus permíteo, a previsión é que a tempada de comezo en outubro, moito tempo aínda para un club que leva "demasiado tempo sen adestrar", aspecto que preocupa a Álvarez ao tratarse o tenis de mesa de "un deporte moi técnico" e no que é necesaria unha preparación constante.
Segundo o establecido pola Federación Española, a División de Honra feminina contará a próxima campaña con tres grupos. Haberá unha fase regular e un play-off de ascenso cos tres primeiros de cada grupo, mentres que os descendidos serán os dous peores equipos.
RITMO MÁIS LENTO NO EQUIPO MASCULINO DE SUPERDIVISIÓN
Se no conxunto feminino todo está xa ben atado, diferente son as cousas no equipo masculino que por terceiro ano xogará na máxima categoría, a Superdivisión. Saber primeiro con que apoios económicos conta o club é un paso indispensable antes de lanzarse a por novas incorporacións porque "hai que fiar moi fino", recoñece Nando Álvarez.
Polo momento o Monte Porreiro confirmou a renovación do arxentino Martín Betancor, un dos seus pilares os dous últimos anos e que afrontará así o seu terceiro curso en Pontevedra. Pola contra non seguirá no equipo Guillermo Martínez.
O director deportivo non pecha ademais a porta ao regreso do xaponés Shohei Onodera, que en poucas semanas en Pontevedra deixou unha grata sensación tanto deportiva como humana. "Encantaríanos", asegura, aínda que se trata dunha posibilidade que polo momento é afastada.
O que si está decidida é a aliñación do filial masculino, que por primeira vez competirá na División de Honra e farao cunha formación íntegra con xogadores da canteira que poderán alternar co primeiro equipo.
Relacionadas:
-
Atrasado ata xaneiro o inicio das ligas nacionais de tenis de mesa
Por Diego Espiño |
-
O Tenis de Mesa Monte Porreiro, no limbo
Por Diego Espiño |
-
O Monte Porreiro, á espera dunha instalación específica para seguir medrando
Por Redacción |
-
O TM Monte Porreiro despídese de Europa por non disputar a Copa do Rei
Por Almu Dapena |
-
O TM Monte Porreiro xogará competición europea a próxima tempada
Por Diego Espiño |
-
A tempada acaba definitivamente para o TM Monte Porreiro tras a suspensión do Campionato de España
Por Diego Espiño |
-
Confirman a finalización das ligas nacionais de tenis de mesa: "Era imposible poder acabarlas"
Por Diego Espiño |