O Grove reabre as súas instalacións deportivas
Por Redacción
A entrada na fase 3 da desescalada traerá consigo no Grove a reapertura das instalacións deportivas.
Así o confirmou o Concello, anunciando como primeiro día para gozar das mesmas este martes 9 de xuño.
De maneira previa realizáronse limpezas en profundidade destes espazos para telos adecuadamente desinfectados nun momento no que se permiten actividades deportivas individuais ou cun número reducido de deportistas.
Esta apertura afecta por exemplo as pistas de pádel, que se poderán utilizar de maneira intercalada, sempre deixando libre una das tres canchas para que se proceda a unha desinfección alterna. Só poderán acceder as persoas usuarias, catro por pista, coa correspondente reserva previa que pode realizarse nunha aplicación móbil que se puxo en marcha.
Ademais reabrirá o pavillón de Conmeniño. Neste caso, para o club de ximnasia rítmica, que volverá adestrar en grupos de catro persoas. Os vestiarios só poderán empregarse para cambiarse por quendas e está prohibido o uso das duchas.
Igual sucede no pavillón de deportes náuticos, con vestiario para cambios por quendas e acceso ao ximnasio para persoas adultas por quendas. Isto afecta directamente os clubs de remo do municipio, Mecos e Amegrove, que volverán á actividade esta semana.