O Monte Porreiro, á espera dunha instalación específica para seguir medrando
Por Redacción
O ascenso do segundo equipo masculino do Tenis de Mesa Monte Porreiro á División de Honra, o primeiro está na Superdivisión e o feminino na segunda categoría estatal, foi o motivo da recepción do conxunto pontevedrés por parte do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, no Concello.
Ademais de destacar o éxito deportivo do club, con tres equipos nas categorías máis altas de tenis de mesa español, o alcalde quixo subliñar o traballo de base que realiza o equipo cun gran número de xogadores en categorías inferiores. "Sodes un espello onde mirarse", díxolles Lores.
Outro asunto que trataron na reunión foi a construción dunha instalación específica para a práctica deste deporte. "Estamos traballando niso", sinalou o rexedor convencido de que servirá para "incrementar a base e o nivel dos equipos".
No mesmo sentido pronunciouse o tenente de alcalde e responsable do departamento de Deportes, Tino Fernández, quen prometeu unhas "instalacións axeitadas" para un equipo que non deixa de cultivar éxitos deportivos.
En representación do club acudiu Fernando Álvarez, quen agradeceu a aposta do Concello por "calquera tipo de deporte". O directivo asegura que o equipo se atopa en pleno crecemento. "Somos referencia a nivel galego, estamos a crecer en todos os sentidos", sinala convencido de que "unha instalación propia vai dar ese salto de calidade para pasar ao seguinte nivel".
Relacionadas:
-
Atrasado ata xaneiro o inicio das ligas nacionais de tenis de mesa
Por Diego Espiño |
-
O Tenis de Mesa Monte Porreiro, no limbo
Por Diego Espiño |
-
A Federación Galega proclama ao Monte Porreiro club campión do circuíto galego de tenis de mesa 2019/20
Por Redacción |
-
O novo proxecto do TM Monte Porreiro feminino, 100% galego e coa idea de "chegar á fase de ascenso"
Por Diego Espiño |
-
A tempada acaba definitivamente para o TM Monte Porreiro tras a suspensión do Campionato de España
Por Diego Espiño |