O Negra Sombra Roller Derby convida a adestrar con elas na súa volta ás pistas tras o confinamento
Por Redacción
As integrantes do Negra Sombra Roller Derby retomaron os seus adestramentos despois do estado de alarma provocado pola pandemia da COVID-19.
Segundo informan dende o club, durante o periodo de confinamento mantiveron a súa actividade física mediante encontros practicamente diarios para adestrar online, pero o paso á fase 2 permitiu que as xogadoras voltaran poñer os patíns.
Deste xeito, e mantendo todas as medidas de seguridade e hixene (distancia social e emprego de xel hidroalcólico), as xogadoras teñen organizado adestramentos de fin de semana nas pistas de Campolongo ao ser aconsellable a práctica de deportes de equipo só en espazos abertos.
Tendo en conta a cancelación da Liga Nacional e da Liga Galega de Roller Derby por mor da pandemia, o club destaca que é o "momento perfecto" para que aquelas persoas non iniciadas pero interesadas neste deporte poidan incorporarse ao equipo xa que existe tempo para prepararse de cara as próximas competicións que non darán comezo previsiblemente ata febreiro ou marzo do ano próximo.
Así, o Negra Sombra Roller Derby convida a participar neste novidoso e completo deporte para o cal non é preciso nin saber patinar. Para participar tan só hai que poñerse en contacto a través do correo electrónico negrasombrarollerdery@gmail.com ou nas redes socials (Facebook e Instagram).
En canto ao deporte, trátase dunha actividade de contacto, velocidade e estratexia orixinario dos Estados Unidos. Para a súa práctica empréganse os patíns tradicionais, coñecidos como 'quads', e desenvólvese nunha pista ovalada na que se circula no sentido contrario das agullas do reloxo, onde dous equipos de cinco xogadoras cada un (unha 'jammer' ou anotadora e catro 'blockers' ou defensas) compiten para conseguir superar a barreira e marcar puntos. As defensas teñen permitido impedir e obstaculizar o paso mediante contacto físico regulado.