Do 2 ao 4 de outubro, data elixida para celebrar en Verducido o aprazado Campionato de España Sprint de piragüismo
Por Diego Espiño
Pontevedra non perdeu aínda as opcións de albergar este ano un dos grandes eventos que figuraban no seu calendario deportivo e que foi aprazado pola crise sanitaria, o Campionato de España Sprint Olímpico de piragüismo previsto inicialmente para os días 31 de xullo e 1 e 2 de agosto.
A Real Federación Española de Piragüismo traballa para poder celebrar o seu gran evento da tempada na parte final de ano, mantendo como sede o Complexo Deportivo David Cal do encoro pontevedrés de Pontillón do Castro, en Verducido.
Así o fixo saber o organismo federativo, concretamente o grupo de traballo encargado de reorganizar a tempada, e que propuxo celebrar o Nacional Sprint en Verducido do 2 ao 4 de outubro, a condición de que sexa compatible coas datas do calendario internacional aínda por desvelar.
Esta decisión debe ser referendada pola Xunta Directiva e a Comisión Delegada da Federación Española, ademais de recibir o visto e prace do Concello de Pontevedra, debido a que son moitos os eventos que se están reprogamando para as mesmas datas.
Neste sentido desde o goberno local o concelleiro de Deportes da cidade recoñeceu a PontevedraViva que "temos aínda que valorar se lle compensa aos clubs da cidade" antes de tomar unha decisión definitiva sobre a súa celebración.
A Federación Española de Piragüismo pretende respectar as sedes asignadas no seu momento, e de feito o encoro de Pontillón do Castro aparece no novo calendario como escenario da primeira competición oficial post-coronavirus, coa Copa de España de Xóvenes Promesas os días 22 e 23 de agosto.
Segundo establece o organismo reitor do piragüismo nacional nas competicións adoptaranse certas restricións para cumprir coa normativa de seguridade sanitaria, deixando aberta a porta á ampliación dos campionatos para distribuír o aforo de participación ou á realización de varias quendas por proba, ademais da modificación de horarios.
A última vez que o Campionato de España Sprint Olímpico celebrouse en Verducido, no ano 2018, congregáronse en Pontevedra 679 deportistas de 85 clubs de todo o país.
Relacionadas:
-
O Pontillón do Castro suma un Nacional de piragüismo máis, o cadete, á súa lista de competicións post-Covid
Por Redacción |
-
A base do Breogán do Grove acaba primeira na primeira regata post Covid-19
Por Redacción |
-
O piragüismo galego reinicia a súa actividade cunha regata para a base en Verducido
Por Redacción |
-
O piragüismo nacional poñerase en marcha en Pontevedra en agosto
Por Manu Otero |
-
Aprazado sen data o Campionato de España Sprint de piragüismo que se ía a celebrar en Verducido
Por Redacción |
-
Os clubs de piragüismo, ante moitas dificultades no regreso á práctica deportiva
Por Redacción |
-
Canceladas as competicións nacionais de piragüismo ata o 27 de xuño afectando ás que se ían a celebrar en Pontevedra
Por Redacción |