A Federación Galega de Fútbol retransmitirá a fase de ascenso de O Fisgón a Primeira División
Por Redacción
Semana decisiva para O Fisgón, Leis e Arosa, que encaran os últimos días de preparación antes de estrearse o sábado 18 e domingo 19 nas súas respectivas fases de ascenso, coas que finalizarán a tempada.
Os clubs contan as horas para o seu debut á vez que afinan a súa posta a punto, coa ilusión de pechar de maneira brillante un curso tan atípico.
Os tres equipos da comarca coñecen xa os horarios oficiais de cada un dos seus encontros, que no caso de Arosa e O Fisgón serán televisados. No que respecta aos de Vilagarcía, o play- off de ascenso á Segunda B de fútbol, vía a segunda canle da TVG, mentres que na fase de ascenso á Primeira División de fútbol sala feminino a Real Federación Galega de Fútbol anunciou este luns que os partidos poderán seguirse a través da súa canle de Youtube.
O Fisgón de feito será o primeiro en debutar, xa que o seu primeiro encontro está previsto para as 17:45 horas do próximo sábado 18 de xullo no pavillón coruñés de Elviña fronte ao Valdetires Ferrol. En caso de vencer a final polo ascenso tería lugar o 25 de xullo (20.00 horas) contra o Viaxes Amarelle tamén na Coruña.
O sábado 18 entrará tamén en competición o Leis Pontevedra na súa pelexa por subir á Segunda División masculina de fútbol sala, cunha primeira fase do play-off que no seu caso terá lugar en Benavente. Os pontevedreses estrearanse ante o Albense (20.00 horas) e no caso de vencer catro días despois enfrontaríanse ao anfitrión, o Benavente (22 de xullo ás 20.00 horas). Se supera esta primeira fase, o Leis pasaría a unha última eliminatoria na que estarán 6 equipos para 3 prazas de ascenso. O partido poderá seguirse en directo desde a Taberna Zentola de Pontevedra.
Por último o Arosa disputará a súa semifinal por unha praza na Segunda B de fútbol o domingo 19 de xullo ás 19.30 horas fronte ao Ourense CF no estadio vigués de Balaídos, estando a final (fronte a Compostela ou Barco) fixada para o día 25 de xullo á mesma hora. Todo iso coas cámaras en directo da televisión autonómica.
Relacionadas:
-
Finaliza o soño polo ascenso para O Fisgón, que cae por 1-3 ante o Valdetires Ferrol
Por Almu Dapena |
-
O Fisgón vístese de Galicia para a fase de ascenso a Primeira División
Por Redacción |
-
Os play-off de ascenso de Leis e O Fisgón xogaranse, oficialmente, sen público
Por Redacción |
-
Sen positivos na rolda de test realizada a Arousa, Leis e O Fisgón
Por Redacción |
-
O Valdetires de Ferrol e o Viaxes Amarelle, "rivales muy duros" para O Fisgón no seu soño polo ascenso
Por Almu Dapena |