Suspendida a Copa Galicia de balonmán tras a recomendación da Secretaría Xeral para o Deporte
Por Redacción
Este verán non haberá finalmente Copa Galicia de Balonmán, unha das competicións clásicas de preparación dos equipos pensado no comezo da tempada.
A Federación Galega de Balonmán confirmou a suspensión definitiva do torneo autonómico, cuxa composición se anunciou a mediados do mes de xullo, despois da reunión mantida coa Secretaría Xeral para o Deporte na que se puxo sobre a mesa a delicada situación sanitaria que se está comezando a vivir cunha serie de rebrotes de Covid en varios puntos da comunidade.
A cancelación da Copa Galicia afecta a todas as categorías, desde infantil ata a sénior. Nesta última categoría, a absoluta, estaba previsto que se disputase entre o 17 e o 29 de agosto, coa final só uns días antes de que comece o curso na Liga Asobal para Cisne e Cangas.
O torneo autonómico ía disputarse desde os cuartos de final con equipos de Asobal, División de Honra Prata e Primeira Nacional, estando tamén inscritos o Teucro e o Atlético Bueu como representantes da comarca.
En canto ao resto de categorías, a Federación Galega anuncia que manterá os play-off previstos ao comezo das competicións da tempada 20/21, aínda que cambiando o formato en idade xuvenil. Ademais mantén a data de inicio das competicións sénior, pero deixando aberta a posibilidade de atrasar o seu inicio en función dos posibles cambios que poidan producirse na regulación vixente.
"A Federación Galega de Balonmán, a Secretaría Xeral Para o Deporte e as diferentes federacións deportivas galegas estamos a traballar para recuperar a actividade canto antes, pero debemos ser cautos e respectar todas as medidas establecidas no protocolo federativo e na normativa autonómica vixente", sinala o organismo federativo nun comunicado.