Abren a inscrición para a primeira 'DepoRuta BTT' que percorrerá Cambados o 23 de agosto
Por Redacción
Enmarcada na programación Vive Deporte, coa que a Deputación de Pontevedra invita á cidadanía a desfrutar este verán dunha ampla oferta de actividades deportivas sostibles, a primeira das dúas 'DepoRutas BTT', que percorrerá Cambados o 23 de agosto, xa ten abertas as súas inscricións.
Os interesados en participar nesta primeira ruta en bicicleta poderán inscribirse a través da web www.depo.gal ata completar o límite de 200 prazas ata o 17 de agosto, ás 12 horas. Unha vez completadas as prazas, abrirase unha lista de agarda de ata un máximo de 50 persoas.
No caso dos menores de idade, deberán ir acompañados e en caso de familias con varias crianzas será suficiente cunha persoa representante ou titora por familia.
A ruta -que inclúe os avituallamentos- estará sinalizada e as persoas participantes deberán seguir o itinerario e ritmo marcados pola organización. Será rigorosamente obrigatorio o uso de casco protector durante todo o percorrido.
Despois desta marcha, a segunda das 'DepoRutas BTT' programadas pola institución provincial terá lugar o 13 de setembro en Ponteareas, e o prazo de inscrición será do 24 de agosto ao 7 de setembro.
O obxectivo desta iniciativa da Deputación é fomentar o deporte á vez que se pon en valor os montes da provincia, a súa riqueza natural, ecolóxica e patrimonial.
O programa está dirixido a todas aquelas persoas maiores de 16 anos que gocen do deporte en contacto coa natureza e aposten por actividades sustentables.