Javier Gómez Noya aparca o tríatlon por un día para subirse ao escenario
Por Manu Otero
A pandemia obrigou a redeseñar este ano a axenda musical das festas da Peregrina de Pontevedra. As grandes bandas do panorama nacional deixaron paso aos grupos locais, pero iso non significa que os escenarios repartidos pola cidade vaian quedar sen estrelas. Este venres ás 22 horas na Praza de España, o pentacampeón do mundo de tríatlon, Javier Gómez Noya será o artista convidado no concerto de Malkeda.
O triatleta deixará de lado por un día o deporte para brillar noutra das súas paixóns: a guitarra. As súas colaboracións coa banda de metal alternativo pontevedresa son habituais. Participou na gravación de dúas cancións do seu último disco de estudo, pero ata o momento nunca o facía en directo. Afeito acaparar miradas en todo o mundo, o medo escénico non será rival para el, que tocará coa banda as dúas cancións que gravou con eles.
A afección do deportista pola música non é descoñecida debido a que xa rodou un anuncio de televisión dunha marca de coches, no que aparece tocando a guitarra sobre o teito do vehículo, coa estrela do rock Loquillo.
O concerto está enmarcado no ciclo Barullada de rock do programa festivo musical Pontevedra Vívese. O espectáculo, con aforo limitado, estará adaptado á nova normalidade e o evento servirá ademais para coñecer o novo single da agrupación pontevedresa titulado Este recuncho.