Irene Vilaboa: "Necesitamos chegar todos os equipos nas mesmas condicións, desde o primeiro día xogámonos a vida"
Por Manu Otero
O novo proxecto do Teucro, con Irene Vilaboa aos mandos, xa está en marcha. O equipo azul tivo este luns a súa primeira sesión preparatoria e antes de enfundarse o mono de traballo, a adestradora repasou os plans de pretemporada e mostrou a súa preocupación ante a incerteza sobre o reinicio da competición e o cumprimento das normas sanitarias.
"Estamos con moitas ganas e ilusión, o balonmán xa ten que empezar", pide a preparadora. A planificación da pretemporada móvese en tres escenarios. "Un que se tarde en empezar a traballar con contacto pero que se manteña a data de inicio, outro que todo vaia con normalidade e, a máis complicada, que se atrase o inicio da competición para máis tarde", expón Vilaboa, que sitúa o foco no plano anímico porque "a pretemporada é para chegar con fame de competición".
Neste sentido, a imposibilidade actual de disputar partidos de preparación en Galicia é un dos inconvenientes que máis pode lastrar ao club de fronte ao comezo da liga. "Tiñamos varios partidos programados en Galicia e agora estamos con incerteza. Xa non digo nin datas", quéixase a adestradora que, polo momento, só ten asegurado un amigable en Portugal.
As diferentes normativas nas comunidades autónomas poden xerar graves desigualdades no inicio da competición. En Galicia está prohibida aínda a práctica deportiva, mentres que noutros territorios, como Castela e León, si que se pode xogar ao balonmán con normalidade. "Necesitamos chegar todos nas mesmas condicións, desde o primeiro dia imos xogar a vida. Vai haber moitos descensos. Será unha tempada distinta, pero eu estou con moitas ganas e ilusion de empezar" afirma.
Á marxe da situación sanitaria, Irene Vilaboa móstrase moi satisfeita coa confección do plantel. "Gústame adestrar cun estilo de xogo. Nós non imos ter un xogador que nos gañe un partido. Buscabamos caracteristicas, xogadores con xogo rapido, pouco previsibles, con toma de decision... E xa teniamos moito diso en casa".
O seu labor centrarase agora en encaixar as pezas. "Unha tempada é pouco para crear un estilo de xogo, pero hai que encaixalo ata salvar a categoría", márcase Vilaboa como obxectivo.
Coa promesa dun estilo "rápido, potente pero moi táctico", o Teucro traballará o plano físico nestas primeiras semanas de pretemporada e, se o adestramento con contacto segue atrasándose, o corpo técnico terá que tirar de vídeos e charlas para afianzar os novos conceptos deste estilo de xogo.
Relacionadas:
-
Irene Vilaboa é recibida na Subdelegación do Goberno como referente da igualdade no balonmán
Por Redacción |
-
Os carnés de socios do Teucro poderán tramitarse online e telos descargados no móbil
Por Diego Espiño |
-
O Teucro ficha o lateral esquerdo Diego Martínez
Por Redacción |
-
O balonmán pontevedrés opta por aprazar o inicio das ligas ata que poidan adestrar en igualdade de condicións
Por Manu Otero |
-
A RFEBM desmárcase da desigual pretemporada dos equipos galegos e sinala á Xunta
Por Manu Otero |
-
O Teucro volve aos adestramentos sen contactos nin partidos de pretempada
Por Manu Otero |