Iván Raña e Tamara Gómez encabezan a lista de rexistrados para o Campionato de España de Tríatlon de Pontevedra
Por Manu Otero
A lista de saída para o Campionato de España de Tríatlon Sprint que se celebrará en Pontevedra entre o 22 e 23 de agosto vai tomando forma. A extraordinaria situación sanitaria que obrigará a impoñer férreas normas no control dos atletas e tamén no número de participantes, non impide que os mellores triatletas do país estean esa fin de semana na cidade do Lérez.
A capital da provincia recibirá a deportistas de recoñecido prestixio internacional e con participacións en Xogos Olímpicos no seu historial. En categoría masculina xa confirmaron a súa presenza lendas deste deporte como Iván Raña, aspirantes aos Xogos de Tokio como Fernando Alarza ou Antonio Serrat e o vixente campión nacional, Alberto González. O cartel complétase con nome da talla de Roberto Sánchez Mantecón, David Castro, Genís Grau ou Jordi García.
En categoría feminina o dorsal número uno lucirao Tamara Gómez por ser a vixente campioa de España despois do seu triunfo en Roquetas de Mar no 2019. Non terá fácil revalidar o título porque xunto a ela tomarán a saída triatletas do nivel de Miriam Casillas, Anna Godoy, Sara Pérez Salga, Cecilia Santamaría, Xisca Tous, Marta Sánchez e tamén a pontevedresa especializada en longa distancia Saleta Castro.
Os que finalmente non estarán en Pontevedra para participar no campionato de España son os campións do mundo Javier Gómez Noya e Mario Mola, que nesas datas teñen previsto participar na terceira xornada do Grand Prix francés e Tríatlon, unha das ligas de maior nivel do planeta, fixada para o 22 de agosto en Chateauroux.
HORARIOS
A competición empezará en Pontevedra o 22 de agosto ás 9 horas coa disputa do título de categoría cadete. Ás 12 horas, con maior separación do habitual para evitar aglomeracións, está previsto o nacional de paratriatlón; e ás 16 horas competirán os triatletas dos diferentes grupos de idade, entre os estarán aqueles que quedaron excluídos da carreira de elite. Ao día seguinte están previstas as carreiras de elite e júnior, que pecharán a fin de semana ao tomar a saída ás 12.30 en categoría feminina e as 13.15 horas, a masculina.
As probas estrela do campionato, a elite masculina e feminina, están fixadas para as 9 e 10.40 horas respectivamente.
Nesta edición tamén suscita un elevado interese a proba de paratriatlón, pois a actuación de moitos dos participantes poden marcar a súa clasificación para os Xogos Paralímpicos de Tokio. En busca dunha praza para a capital nipoa estarán Susana Rodríguez Gacio, Eva María Moral, Marta Francés, Xosefina Guimarey, Jairo Ruiz, Héctor Catalá, Dani Molina ou Kini Carrasco.