O balonmán pontevedrés opta por aprazar o inicio das ligas ata que poidan adestrar en igualdade de condicións
Por Manu Otero
A Real Federación de Balonmán está decidida a iniciar as competicións de ámbito estatal en setembro. A Xunta de Galicia non ten previsto autorizar a curto prazo a práctica deportiva daquelas disciplinas nas que hai contacto entre xogadores. E no medio do lume cruzado están clubs como o Cisne ou o Teucro que se ven obrigados a continuar cos adestramentos por se volve a competición coa obrigación de cumprir un estrito protocolo de separación que lastra a súa preparación. Ademais, se queren disputar partidos de pretemporada están obrigados a cruzar o Miño porque en Galicia non se pode xogar.
"É certo que a Federación non ten a culpa de que non podamos adestrar, non son competentes, pero si que é certo que eles queren empezar moi pronto. Non se debe empezar mentres non haxa un protocolo a nivel estatal", sostén o membro da xunta xestora do Teucro Jose Ameijeiras poñendo como exemplo a forma de actuar da Real Federación Española de Fútbol, que continúa sen fixar o inicio da Segunda B.
Entre o eixo e a roda atópanse no Cisne. "Temos que acatar as normas", admite o presidente Santi Picallo angustiado pola conta atrás do comezo da liga. "Pero é que en tres semanas empezamos", contrapón sen saber moi ben como actuar. "Aquí ninguén quere mollarse", lamenta en referencia á inmobilidade da Xunta para flexibilizar a normativa para os clubs de elite e a falta de comprensión por parte da RFEBM.
As consecuencias desta situación non son só deportivas. "Ao marcar o inicio hai que pagar cotas, tramitar as fichas e os seguros", apunta Ameijeiras quen denuncia tamén a falta de seguridade nos desprazamentos. "Nós non podemos permitirnos facer PCRs aos xogadores toda a semana, quen nos di que non poden contaxiarse en Barcelona ou un de Córdoba cando veñan aquí?", expón o directivo.
Se o calendario segue adiante, tanto a Cisne como a Teucro non quedará máis remedio que cruzar a fronteira para disputar algún partido de preparación. "Temos tres partidos en Portugal", detalla Picallo a programación do seu club, mentres que o cadro veciño traballa xa na organización dun partido no país luso.
A incerteza afecta tamén á base. A Secretaría Xeral para o Deporte aínda non ten decidido como retomar as categorías inferiores, algo que preocupa moito no Teucro. "Na base non hai data e iso pode facer que perdamos xente nas categorías inferiores, poden irse a outros deportes como o atletismo, que si pode adestrar e competir", contrapón Ameijeiras que, como Picallo, permanecen á espera de novidades tanto nas normas sanitarias autonómicas como no calendario das competicións.
Relacionadas:
-
Asobal decide empezar a liga o día 1 sen ter aínda un protocolo aprobado
Por Manu Otero |
-
O Cisne fixa o seu primeiro partido de pretempada o venres en Portugal
Por Manu Otero |
-
Gonzalo Carró, intervido da súa lesión no ombreiro: "Ha ido todo perfecto"
Por Diego Espiño |
-
Primeiro positivo por Covid nun equipo de Asobal a dúas semanas do inicio da liga
Por Redacción |
-
Gonzalo Carró sofre unha luxación no seu ombreiro esquerdo e pasará polo quirófano o vindeiro xoves
Por Almu Dapena |
-
Suspendido o torneo do Rosal no que ía participar o Cisne: "es un contratiempo muy grande"
Por Almu Dapena |
-
A RFEBM desmárcase da desigual pretemporada dos equipos galegos e sinala á Xunta
Por Manu Otero |
-
Irene Vilaboa: "Necesitamos chegar todos os equipos nas mesmas condicións, desde o primeiro día xogámonos a vida"
Por Manu Otero |
-
A RFEF esixe ao CSD un "plan transversal" para os deportes de equipo antes de iniciar as competicións
Por Manu Otero |