O Cisne fixa o seu primeiro partido de pretempada o venres en Portugal

Por Manu Otero
O Cisne xogará o seu primeiro partido de pretemporada fóra de Galicia. A normativa sanitaria da Xunta mantén a prohibición da práctica de deportes de contacto en territorio galego e diante do inminente inicio da competición, previsto se non hai cambios de última hora para a primeira fin de semana de setembro, a directiva organizou un encontro amigable contra o Aguasantas na cidade lusa de Valença do Minho. Despois de preto dun mes de adestramentos sen contacto, os de Jabato terán o seu primeiro test o venres ás 18 horas, en horario español.
Con todo, a directiva negocia a organización doutro encontro de pretemporada que, se finalmente alcanzan un acordo, se xogaría este xoves nun lugar de Castela e León a medio camiño entre Pontevedra e Burgos que medirá aos brancos co Villa de Aranda, equipo que militará este ano tamén en Asobal e, do mesmo xeito que o Cisne, viu minguada a súa preparación polo confinamento decretado polo goberno castelanleonés en Aranda de Douro durante o mes de agosto.
A desigual preparación do Cisne comparada co resto de equipos da categoría é, ademais da problemática de non poder disputar amigables, a disputa da liga a porta pechada, a campaña de socios ou a lesión de longa duración de Gonzalo Carró; unha das principais preocupacións da directiva branca. Con todo, a dimisión do presidente de Asobal, Adolfo Aragonés, pode supoñer un alivio para o cadro pontevedrés en forma de aprazamento do inicio e do formato da competición.
"Hai moitos rumores, coméntase que se pode atrasar o inicio da liga un mes e tamén que no canto de xogar todos contra todos póidanse facer grupos, o que liberaría máis datas e permitiría atrasar o inicio", explica o presidente do Cisne, Santi Picallo, quen prefire esperar á reunión prevista para este mércores entre os dirixentes de Asobal cos equipos da principal división para aclarar todas as dúbidas que pesan sobre o arranque ligueiro.
Tampouco descartan que estes cambios na cúpula da asociación de clubs poidan facer realidade a entrada do Cisne na asociación, algo polo momento descartado pola obrigatoriedade de abonar o canon que supera os 50.000 euros. "Se nos permiten fraccionalo ou nos dan facilidades, pensarémonolo", recoñece o presidente.
Na directiva do conxunto pontevedrés están tamén pendentes das conclusións do cume entre a Real Federación Española de Balonmán e o CSD, así como das novidades no protocolo sanitario da Xunta para os deportes de contacto que permitan aos de Jabato adestrar nas mesmas condicións que os seus rivais doutras rexións.
Relacionadas:
-
Boas sensacións do Cisne no seu primeiro amigable de pretemporada, que se saldou con derrota
Por Redacción |
-
A Xunta autoriza o deporte con contacto para equipos de ligas estatais e deportistas con aspiracións olímpicas
Por Manu Otero |
-
Asobal decide empezar a liga o día 1 sen ter aínda un protocolo aprobado
Por Manu Otero |
-
Gonzalo Carró, intervido da súa lesión no ombreiro: "Ha ido todo perfecto"
Por Diego Espiño |
-
Primeiro positivo por Covid nun equipo de Asobal a dúas semanas do inicio da liga
Por Redacción |
-
Suspendido o torneo do Rosal no que ía participar o Cisne: "es un contratiempo muy grande"
Por Almu Dapena |
-
O balonmán pontevedrés opta por aprazar o inicio das ligas ata que poidan adestrar en igualdade de condicións
Por Manu Otero |
-
A RFEBM desmárcase da desigual pretemporada dos equipos galegos e sinala á Xunta
Por Manu Otero |