O Concello abre o prazo de solicitude das subvencións para os clubs deportivos da cidade
Por Manu Otero
O Concello de Pontevedra segue recuperando tempo para poñerse ao día coas súas obrigacións cos clubs deportivos da cidade. Despois de abonar as contías das escolas deportivas correspondentes ao ano 2020, o Concello abre o prazo de presentación de solicitudes para optar ás subvencións municipais do ano 2019.
O obxectivo da Concellería de Deportes é pagalas no mes de novembro e entregar o próximo ano as do 2020 e 2021 para liquidar o desfasamento arrastrado de anos anteriores que puxo en aprietos os balances de moitos equipos pontevedreses.
"É unha débeda que temos cos clubs, sen eles Pontevedra non podería ser o que é", declarou Tino Fernández, responsable deste departamento, para deixar claro o compromiso do executivo municipal cos clubs que fan posible a organización de grandes eventos deportivos na urbe da capital.
O importe total que repartirá o Concello nesta partida ascende a 300.000 euros, que serán repartidos entre todos os demandantes que cumpran os requisitos. A repartición de fondos realizarase tendo en conta as circunstancias particulares de cada club, entre as que están o número de fichas, o número de equipos por categoría ou os quilómetros percorridos para exercer a súa actividade.
Na última convocatoria foron 63 os clubs que solicitaron a axuda municipal e Tino Fernández calcula que este ano o número de demandantes será similar. "Pido aos clubs que axilicen a entrega de documentación para poder pagar a principios de novembro", declarou o edil, quen lembra que este ano puxeron ao dispor das directivas unha aplicación informática que simplifica os trámites para pedir a axuda.
Lembran desde o Concello que entre finais do 2019 e o 2020, o Concello abonou aos clubs da cidade 1,3 millóns de euros correspondentes ao financiamento das escolas deportivas municipais e ás subvencións anuais que o goberno local entrega cada ano aos equipos da cidade.
Relacionadas:
-
A concellería de Deportes recibe solicitudes de 67 clubs para as subvencións anuais de 2019
Por Redacción |
-
Combater o sedentarismo mediante a actividade física, obxectivo do programa municipal Saúde na Rúa
Por Redacción |
-
Máis de 150 equipos da comarca beneficiaranse da subvención da Deputación
Por Redacción |
-
O Concello retoma os encontros presenciais cos clubs deportivos da cidade
Por Redacción |
-
O Concello inicia o pago de máis de 190.000 euros aos clubs de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Concello notifica a resolución das subvencións deportivas correspondentes á tempada 17/18
Por Redacción |