Cancelada a etapa final da Copa de España de Natación en Augas Abertas que se ía a disputar no Pontillón
Por Diego Espiño
Era a primeira vez que Pontevedra lanzábase a organizar unha proba de semellante nivel dentro da natación en augas abertas, pero finalmente terá que esperar.
A Real Federación Española de Natación (RFEN) anunciou a cancelación da Copa de España desta disciplina, cuxa etapa final estaba fixada no encoro pontevedrés de Pontillón do Castro para o próximo 20 de setembro.
A cita pontevedresa era das poucas que resistía aínda no calendario federativo, pero finalmente e cun breve comunicado o organismo reitor da natación nacional explica que "a VI Copa de España de Augas Abertas RFEN foi cancelada por mor da dificultade para poder desenvolver as diferentes travesías que a compoñen".
Iso implica que "finalmente, a Etapa Final tampouco poderá disputarse debido á actual situación da pandemia", conclúe a RFEN sobre a proba prevista en Verducido e que constaba dun percorrido de 5.000 metros.
CAMPIONATO GALEGO CONTRARRELOXO
A pesar da cancelación, o Pontillón do Castro si acollerá proximamente unha proba de nivel na disciplina de natación en augas abertas. Trátase de Campionato Galego, que se converteu ao formato contrarreloxo para minimizar o contacto entre os deportistas.
A competición autonómica celebrarase, se nada cambia, o vindeiro domingo 13 de setembro ás 10.00 horas cunha distancia de 2.000 metros en todas as categorías salvo na alevín, que se reduce a 1.000 metros.