O aforo do Municipal para o primeiro partido en casa do Cisne queda restrinxido a 60 espectadores
Por Redacción
O primeiro partido na casa do Dicsa Modular Cisne, na súa tempada de estrea na Liga Asobal, poderá contar con público, aínda que será cunha cifra reducida.
A entidade deportiva informou que debido ás restricións impostas en Pontevedra o aforo do Pavillón Municipal de Pontevedra quedará reducido a 60 espectadores o vindeiro sábado 19 de setembro coa visita do Puerto Sagunto (16.30 horas), unha cifra moi inferior aos 300 que permite a día de hoxe a normativa autonómica e que, sen ir máis lonxe, puideron gozar do derbi da pasada semana en Cangas.
Neste caso, dado ese reducido aforo, o Cisne decidiu non poñer entradas á venda e só permitirá o acceso a socios, sendo necesario reservar previamente a súa entrada.
Este trámite poderá completarse a partir das 18.00 horas deste mércores a través da páxina web do Cisne (www.clubcisne.es).
"Somos conscientes de que o número de persoas que poderán acceder a este primeiro partido en casa é reducido e estades a desexar ver o DICSA Modular en vivo e en directo, pero a situación obríganos a cumprir con todas as medidas necesarias para protexer a saúde pública", explicou o club pontevedrés.
De manterse as restricións para as próximas xornadas, o Cisne explicou que os socios que consigan a reserva para o primeiro partido non poderán optar ao segundo, co obxectivo de que o maior número de abonados poidan gozar do seu equipo.
Relacionadas:
-
O Cisne estréase na casa con derrota fronte ao BM Puerto Sagunto (26-27)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Esperada estrea do Cisne na casa en busca da súa segunda vitoria na Liga Asobal
Por Redacción |
-
O Cisne leva o derbi galego ante o Cangas e consegue a súa primeira vitoria en Asobal (26-33)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Honroso debut do Cisne en Asobal a pesar da súa derrota fronte o Granollers (27-21)
Por Redacción |