O Tenis de Mesa Monte Porreiro, no limbo
Por Diego Espiño
A espera empeza a ser insoportable para o Tenis de Mesa Monte Porreiro, un dos poucos clubs con equipos de elite na comarca que aínda non puido volver adestrar desde a irrupción da pandemia.
Sen data fixada para o inicio das ligas nacionais de Superdivisión e División de Honra e sen protocolo elaborado por parte da Real Federación Española de Tenis de Mesa, o Monte Porreiro atópase nun auténtico limbo.
Debido a estes dous aspectos, a data de inicio da competición e a ausencia de protocolo, o club non pode polo momento utilizar o seu habitual lugar de adestramentos e partidos, o pavillón da Cidade Infantil de Príncipe Felipe, dependente da Deputación e que está a dar preferencia aos equipos que si cumpren a día de hoxe estes requisitos.
Esta incerteza non só lle afecta a eles, senón que "somos el 50 o 60% de los equipos de la liga que no hemos podido empezar a entrenar", asegura Nando Álvarez, director deportivo da entidade, a pesar de que "barajan el 17 de octubre, aunque nadie nos ha confirmado nada".
O tempo corre na contra, e é que para esa data faltaría só un mes, tempo insuficiente para realizar unha pretempada en condicións despois de tanto tempo de inactividade. E todo iso cos xogadores e fichaxes confirmados pero que non se atopan aínda en Pontevedra á espera de que se despexen algunhas das incógnitas.
A todo iso súmanse as dúbidas da maioría de deportes, con desprazamentos por todo o territorio nacional. Tamén porque "no sabemos si nos van a exigir test o no", e sobre todo quen pagaría esas probas dentro dun orzamento dos clubs xa de seu moi axustado, explica o técnico pontevedrés.
Iso en canto aos equipos sénior, onde a infraestrutura está lista para activar cando a Federación Española se pronuncie, pero "empezar con los niños es lo que más nos preocupa", asegura Álvarez.
Neste sentido o director deportivo do Monte Porreiro defende que "creeemos que el tenis de mesa puede ser un deporte que se puede practicar con seguridad", e debería traballarse na promoción desta idea ao non existir contacto entre os participantes e poder minimizarse os riscos dentro da complicada situación actual.
Relacionadas:
-
O TM Monte Porreiro celebra a súa volta á actividade cunha dobre xornada das ligas galegas
Por Redacción |
-
Atrasado ata xaneiro o inicio das ligas nacionais de tenis de mesa
Por Diego Espiño |
-
A Federación Galega proclama ao Monte Porreiro club campión do circuíto galego de tenis de mesa 2019/20
Por Redacción |
-
O Monte Porreiro, á espera dunha instalación específica para seguir medrando
Por Redacción |
-
O novo proxecto do TM Monte Porreiro feminino, 100% galego e coa idea de "chegar á fase de ascenso"
Por Diego Espiño |
-
O TM Monte Porreiro despídese de Europa por non disputar a Copa do Rei
Por Almu Dapena |