Bronce para Lara Lois e cuarto posto para Irene Trabazo no Campionato de España de BTT
Por Redacción
A Selección Galega de BTT desprazouse este fin de semana a Valladolid para disputar o Campionato de España de Cross Country Olímpico (XCO).
Ao redor das 10:30 horas do domingo comezou a competición feminina onde tres galegas, a elite Lara Lois (Extol) e as sub23, Irene Trabazo (XSM) e Andrea García (Maceda), defenderon os intereses do combinado autonómico.
A grovense Lara Lois ía cuarta no momento de comezar a quinta e última volta, que lideraba Rocío García a 2 minutos da segunda, Claudia Galicia. María Díaz ía terceira, seguida da ciclista do Extol que conseguiu adiantala para meterse no podio. A prata e o bronce decidiuse no sprint final onde Galicia chegou cunhas décimas de diferenza sobre a do Grove (1:39:25).
Pola súa banda, Irene Trabazo finalizou en cuarta posición na categoría sub23. A marinense chegou a meta cun tempo de 1:27:06, dous minutos despois da terceira clasificada, a navarra Estíbaliz Sagardoy.