Seguridade e controis anticovid na tradicional xornada de captación de novos talentos do Waterpolo Pontevedra
Por Redacción
Con atraso pola pandemia, pero a xa tradicional xornada de portas abertas e captación de novos talentos do Club Waterpolo Pontevedra está de volta. O conxunto pontevedrés convida a todos aqueles mozos con idades comprendidas entre os 8 e 13 anos, sen límite de idade para as nenas, a probar este deporte con todas as garantías sanitarias para evitar contagios por coronavirus.
Como consecuencia da situación sanitaria, este ano os horarios, días e instalacións de adestramento pode variar dun momento a outro polo que desde o club piden aos interesados en probar este deporte que se poñan en contacto cos responsables da entidade a través de redes sociais, teléfono ou correo para solicitar información e cofnirmar a súa participación nas xornadas.
O que si está garantido é a seguridade dos deportistas. Despois do parón pola corentena, o Club Waterpolo Pontevedra foi dos primeiros clubs da cidade en retomar a actividade e fíxoo seguinte un estrito protocolo de seguridade e con adestramentos sen contacto buscando mellorar a condición física, técnica e táctica dos seus xogadores a través de exercicios lúdicos. Unhas rutinas que, aínda que o contacto xa está permitido, manteranse nestas sesións de captación.
Neste sentido e para achegar maior tranquilidade ás familias, desde o cadro lerezano fan referencia a diversos estudos que aseguran que a práctica do waterpolo, ao ser no medio acuático, conleva menos riscos de infección por Covid-19 que outros deportes terrestres. Por iso "animamos a probar un dos deportes máis completos e divertidos nun club onde a nosa filosofía é que non só formamos deportistas, formamos persoas e sempre coa saúde por diante de todo", rematan o seu chamamento.
Relacionadas:
-
O Waterpolo Pontevedra céntrase na formación e tecnificación pola ausencia de competicións
Por Manu Otero |
-
Andrea Andión e Izaskun Tellería dan o salto ao waterpolo portugués
Por Redacción |
-
O Pontillón do Castro, nova 'casa' para o Waterpolo Pontevedra
Por Redacción |
-
Case 4 meses de espera chegan ao seu fin para o Waterpolo Pontevedra, que regresa á piscina
Por Redacción |