O vilanovés Víctor Mariño conclúe sexto o nacional sub 23 de descenso de BTT
Por Redacción
Destacada actuación dos ciclistas galegos no campionato de España DHI 2020 disputado a pasada fin de semana na localidade granadina de Otívar na que tres ciclistas da comunidade conquistaron unha medalla de ouro, outra de plata e outra de bronce nesta modalidade de descenso sobre bicicleta de montaña.
O mellor foi o vigués Ángel Suárez, do YT Mob, que se proclamou campión de España por terceira vez na modalidade de scratch, mentres que a tamén viguesa Uxía Álvarez conseguiu a medalla de prata en categoría júnior e Rosi Martínez, a de bronce en elite. Os bos resultados procederon tamén da comarca arousá, representada polo vilanovés sub 23 Víctor Mariño que rematou a súa participación no sexto posto da súa categoría a menos de tres segundos do podio.
O ciclista do combinado galego completou unha excelente fin de semana. Na proba clasificatoria había conseguir colocarse entre os dez mellores da categoría absoluta, aínda que finalmente en carreira non logrou manterse no top 10 e tivo que conformarse cun décimo quinto posto no ranking xeral ao deter o crono en 2:52.75.
Os seus compañeiros do combinado masculino, Marco Martínez e Alejandro Paz, acabaron oitavo e undécimo en categoría sub 23, respectivamente. Mentres que no cadro feminino, a canguesa Gemma Chapela quedou cuarta a só 17 segundos da súa veciña, a viguesa Rosi Martínez.
No resto de categorías, o júnior Senén Barros tivo que abandonar por porblemas mecánicos, mentres que os cadetes André Martínez e Roi Jorge foron sexto e sétimo.