A terceira regata Entre Pontes volverá encher de piraguas a desembocadura do Lérez
Por Manu Otero
O peirao de Corbaceiras será este sábado o centro de operacións da terceira edición da regata de piragüismo Entre Pontes que cada organiza a EP Ciudad de Pontevedra e que, un ano máis e a pesar da pandemia, segue batendo récords de participación. A partir das 10 horas irán tomando a saída, divididos por categorías, un total de 605 piragüistas de 45 equipos para completar os preto de 7.000 metros de percorrido entre a ponte da AP-9 e o do Burgo.
"A participación podería ser maior, pero consideramos que non é o momento apropiado superar o milleiro de deportistas", admitiu o presidente do club, Óscar Ponte, durante a presentación do evento, no que competirán desde a categoría cadete a veteranos, que tivo lugar este venres no Concello de Pontevedra.
Á marxe do deportivo, a seguridade é un dos alicerces fundamentais da organización. Para garantir a distancia de seguridade, o peirao de Corbaceiras estará pechado ao público. Só poderán acceder ao recinto os deportistas e os técnicos e farano de forma graduada para que só coincidan no recinto os piragüistas que compiten na mesma proba.
Durante a presentación do evento estivo tamén presente o presidente da Federación Galega de Piragüismo, quen felicitou ao club polo éxito participativo desta regata que aos poucos se posiciona como un referente no calendario internacional. "Se puidesen vir os clubs do norte de Portugal superarían os mil participantes. Esta competición vai ser un referente e pode chegar a superar ao Descenso do Sella", declarou o mandatario.
O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, volveu destacar a importancia deste deporte na cidade. "É un deporte estratéxico, non só polos triunfos que conseguen senón pola cantidade de nenas e nenos que o practican", sinalou. Algo que confirmou o dirixente federativo que, como consecuencia das restricións á hora de practicar deportes de equipo e de contacto pola Covid-19, moitos menores están a animarse a probar o deporte da piragua.
Relacionadas:
-
O Ciudad de Pontevedra leva o trofeo Entre Pontes
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
A Escola Cidade de Pontevedra sae vitoriosa da regata 'Entre Pontes'
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado | Creada e actualizada
-
Medio milleiro de padeeiros remarán este domingo entre as pontes do río Lérez
Por Manu Otero |