A falta de fol deixa o Cisne co mel nos beizos e cae co Anaitasuna por 26-21
Por Almu Dapena
O Dicsa Modular Cisne desprazouse a Pamplona para enfrontarse este sábado ao Anaitasuna. Era o cuarto partido na liga Asobal para os de Jabato, mentres que en fronte tiñan a un equipo especializado na categoría que, aínda que non coñecían a vitoria ata o momento, están chamado a loitar por unha praza europea.
O encontro, que deu comezo ás 19:00 horas, estivo marcado polos nervios e a precipitación desde o asubío inicial. Villamarín encargouse de manter a súa portería a cero ata o minuto 9 mentres que os seus xogadores, máis afinados en ataque, lograron unha diferenza de tres goles. Alexandre Chan desde os sete metros abriu a lata no minuto 4, e Andrés Sánchez (min. 7) e Álvaro Preciado (min. 8) puxeron o 0-3 no marcador incial.
O Cisne seguiu mandando no electrónico e ata logrou poñerse cunha diferenza de catro goles cando se chegaba ao ecuador da primeira metade, obrigando ao adestrador local, o pontevedrés Quique Domínguez, a parar o partido (min. 15, 2-6).
O Anaitasuna anotaba o seu ataque e os brancos respondían cun gol de Daniel Ramos (3-7), pero dúas perdas consecutivas permitiron aos pamplonicas recortar a distancia e facer un parcial de dous goles (min 18, 5-7).
Os de Jabato mantiñan o colchón de tres goles grazas aos tantos de Preciado e Chan, pero de novo, o rival aproveitábase dos erros en ataque para poñerse a tan só un gol do empate cando se chegaba ao minuto 23 de partido (8-9).
A resposta chegou en forma de gol de Preciado (máximo goleador do Cisne ata o momento con catro tantos), pero o equipo local non desistiu ata lograr unha igualada que chegou a falta dun minuto para alcanzar o descanso (10-10). Con todo, os de Jabato non desaproveitaron o último ataque ao seu favor e Andrés Sánchez devolveu o golpe anotando 10-11 co que finalizou a primeira parte.
Despois do paso polos vestiarios todo cambiou. O Anaitasuna non só igualaba, senón que, aproveitando o lanzamento ao poste de Alexandre Chan, poñíase por diante por primeira vez en todo o partido. Os nervios empezaron a notarse no recentemente ascendido, que se viu sorprendido pola intensidade coa que saíu o seu rival, que comezaba a marcar distancias poñéndose con tres goles de diferenza aos catro minutos e medio de segunda metade (14-11). A resposta do Cisne chegou en forma de catro tantos. Dous por parte de Andrés Sánchez, outro de Pablo Picallo e outro de Miguel Simón permitíronlles meterse de novo no choque (min. 7, 15-15).
De novo os de Jabato erraban en ataque e o Anaitasuna aproveitaba para apertar o acelerador e recuperar unha diferenza de tres complicada de igualar (min. 19, 20-17). A pesar diso, o Cisne non desconectou e sacando a garra que o caracteriza púxose a un gol a falta de 8 minutos para o final, pero a falta de gasolina e a experiencia do rival fixo efecto nos últimos compases de partido.
Desta maneira, os de Quique Domínguez seguiron controlando o xogo aumentando a súa vantaxe a cinco goles coa que concluíu o encontro (26-21), logrando a súa primeira vitoria esta tempada.
Consulta as estatísticas do encontro Anaitasuna- Dicsa Modular Cisne na seguinte ligazón.
Relacionadas:
-
Un Cisne de dúas caras queda ao bordo da remontada fronte ao Cuenca (29-32)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Oportunidade de reválida para o Cisne na visita do Ciudad Encantada ao Municipal
Por Redacción |
-
Golpe de realidade para o Cisne que se estrela contra un Huesca moi superior (24-31)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Cisne buscará os dous primeiros puntos en casa fronte ao último clasificado, o Bada Huesca
Por Redacción |
-
O Anaitasuna de Quique Domínguez, que aínda non coñece a vitoria, recibe a visita do Cisne
Por Redacción |
-
O Cisne estréase na casa con derrota fronte ao BM Puerto Sagunto (26-27)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Cisne leva o derbi galego ante o Cangas e consegue a súa primeira vitoria en Asobal (26-33)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |