Caldas de Reis presenta a oferta das súas escolas deportivas municipais
Por Redacción
O concelleiro Deportes de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, presentou a oferta formativa dispoñible este curso nas escolas deportivas do municipio.
As actividades, dirixidas a novos pero tamén nalgún caso a adultos, contarán con deportes como o atletismo, ximnasia, natación, fitness, baloncesto, fútbol ou tenis.
Segundo explica o goberno local o obxectivo é manter todas as actividades de formación deportiva que sexan posibles cumprindo as medidas de prevención e desinfección necesarias pola Covid-19. Para iso adaptáronse as diferentes instalacións e materiais, e reforzouse a súa limpeza e desinfección.
"Estamos a potenciar o deporte para a infancia e a mocidade como un elemento chave para o enriquecemento persoal e social e na formación de actitudes e valores", explicou o edil de Deportes agradecendo a colaboración e o "esforzo moi importante" de entidades e colectivos para sacar adiante o programa das escolas deportivas.
En canto á oferta a Escola de Atletismo de Caldas desenvolverá as súas actividades todos os xoves no Pavillón Municipal, a escola de baloncesto fará o propio os luns e xoves a partir do 5 de outubro, mentres que a escola de tenis ocupará tamén o Pavillón entre 20.00 e 22.00 horas.
O Club Treboada será o encargado de tutelar a escola de ximnasia rítmica os luns e mércores, o Club Acuático Umia ofrecerá formación en salvamento e socorrismo e o Caldas CF ocuparase do fútbol.
Por último organizaranse cursos de natación para nenos e nenas de 3 a 14 anos e tamén para bebés, e o propio Concello organizará clases de fitness.