Bueu inaugura a súa piscina municipal
Por Redacción
A vila de Bueu viviu este sábado, 10 de outubro, un "día histórico" coa inauguración da piscina municipal cuberta. No acto, que comezou ao redor das 12:00 horas, participou o alcalde do municipio, Félix Juncal; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; os deputados provinciais Santos Héctor e María Ortega; concelleiros e concelleiras da corporación municipal, e representantes dos colectivos deportivos, culturais e sociais. En total, máis de 100 personas fixeron a primeira visita ao centro deportivo baixo un estricto protocolo de seguridade anticovid.
A Banda de Gaitas Manxadoira deu comezo ao acto coa interpretación dunha peza musical, despois da cal xa tomou a palabra a xornalista local Carmen Novas, encargada da condución da xornada inaugural. A primeira persoa en intervir foi Javier Antoñón, arquitecto municipal e director da obra, quen falou das "dificultades desta obra".
Após este discurso, e a través das pantallas colocadas no vial próximo á piscina das Lagoas, as persoas asistentes puideron gozar dun vídeo no que se explica a xénese do proxecto da piscina e o que supón para Bueu contar cun espazo cuxa principal característica é que "logra xuntar o deporte coa saúde, e que será un referente en materia de accesibilidade, mobilidade, eficiencia enerxética e enerxías renovables", destacan dende o Concello.
Pola súa quenda, Carmela Silva, lembrou o compromiso da institución provincial con este proxecto a través das axudas do Plan de Reequilibrio Territorial e do Plan Concellos, cos que se financiou practicamente a totalidade dunha obra valorada en 2,8 millóns de euros. "Hai cinco anos dixéronme que este era o soño de Bueu, a súa prioridade, unha utopía que había que facer realidade e hoxe estamos aquí; hoxe é o día das veciñas e veciños de Bueu", destacou a presidenta.
A gran infraestrutura conta cunha superficie construída de 2.800 metros cadrados, sitúanse nunha parcela de As Lagoas creando un novo espazo de centralidade en Bueu. Suporá un gran incremento na saúde e na vida deportiva da cidadanía, xa que ademais do vaso da piscina (cunhas dimensións de 15 x 25 e 6 rúas), salas de aeróbic, relaxación, fitness, masaxes, actividades dirixidas e ludoteca. Ademais de tres vestiarios, dúas saunas, cafetería-mirador, unha pequena terraza e tódolos espazos necesarios para as instalacións e funcionamento interno. Polo tanto, non se trata só dunha instalación deportiva, senón que terá unha forte compoñente relacionada coa potenciación de hábitos saudables, cada vez máis presentes e demandados entre a poboación e nos que o Concello leva traballando moitos anos a través do programa 'Bueu Concello Saudable'.
O proxecto foi cualificado como "experimental" ao achegar solucións moi innovadoras que incrementan notablemente a eficiencia enerxética e a sostibilidade. Así, empréganse solucións construtivas alternativas a partir dos problemas que se teñen manifestado noutras piscinas tanto no relativo á condensación como ao elevado consumo enerxético. En concreto destaca o sistema de deshumidificación, baseado nun "cerramento colaborante" e que debería supor un importante aforro na factura eléctrica. Finalmente, o carácter sostible do proxecto queda remarcado pola utilización intensiva de materiais plenamente reciclables, entre os que destaca o aceiro inoxidable do exterior.
Ao remate descubriuse unha placa no vestíbulo coa inscrición: "Un novo espazo para soñar", e deron paso á visita guiada ás instalacións en grupos reducidos de 10 persoas.
Relacionadas:
-
Preto dun cento de persoas estrean a nova piscina municipal cuberta de Bueu
Por Redacción |
-
Bueu mellora a sinalización na rúa Staffan Mörling e mantén o sentido único de circulación
Por Redacción |
-
A piscina de Bueu, lista para a súa inauguración a falta dos "últimos detalles"
Por Redacción |
-
Bueu retoma as obras da piscina municipal, que estará lista na primavera do 2020
Por Redacción |
-
Garanten que a piscina municipal cuberta estará rematada "en febreiro ou marzo" de 2020
Por Redacción |