O Concello de Marín estuda retransmitir de forma telemática as competicións deportivas da vila
Por Redacción
"A situación sanitaria que estamos a vivir mudou moitas das nosas actividades, que debemos adaptar para poder conter a pandemia e manter determinadas convocatorias, como as deportivas, de xeito seguro", explican dende o Concello de Marín.
Segundo a última normativa da que dispón a nosa comunidade autónoma, a afluencia ás instalacións deportivas está limitada a un máximo de 60 persoas en recintos pechados e de 150 en aberto no que respecta ao público. Así a todo, desde a Concellaría de Deportes do Concello de Marín traballouse nunha normativa interna de uso, que estableceu que toda actividade ou partido se celebre a porta pechada.
Como alternativa, os concelleiros Antonio Caíña e Antonio Traba anunciaron este venres que o seu departamento está estudando un sistema para poder ofrecer de xeito telemático aos afeccionados as competicións que se desputen nas instalacións de Marín. "O obxectivo é poder ofrecer a toda a audiencia, namentres dure esta situación, unha vía nova para ver as competicións que se xoguen nas nosas instalacións, porque sabemos que o deporte base e outro tipo de probas que acolle a nosa vila suscitan un enorme interese e supoñen unha vía de entretemento importante para a sociedade", en palabras de Antonio Caíña.
O sistema iría enlanzado coa web do Concello e ofrecería, deste xeito, a posibilidade de gozar dos partidos e das diferentes competicións futuras desde a casa ou desde calquera dispositivo electrónico.
O deporte adestra con todas as medidas de seguridade
Por outra banda, os clubs de deporte da vila marinense continúan coas súas sesións de adestramento, pero "cumprindo estritamente coa normativa interna facilitada polo Goberno local para a utilización destas instalacións pola súa parte", aseguran.
No Estadio de San Pedro están a adestrar o C.D. Pinarium e o atleta Jean Marie Okutu. Pola súa parte, o Peixe realiza os seus adestramentos na Raña, tal e como fai o sénior femenino do Marín Futsal, o club de judo e o boxeador Aarón Franco.
Así mesmo, o pavillón do Sequelo acolle os adestramentos dos clubs In Mare e Marín Futsal (categoría xuvenil de División de Honor) e, finalmente, na Cañota, están a traballar o clube Agarimo e o Team Thunder.