A Secretaría Xeral para o Deporte aclara as dúbidas xurdidas polas novas restricións
Por Redacción
Ante as dúbidas xurdidas na interpretación do recente Decreto 178/2020, do 30 de outubro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas en determinados ámbitos territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, a Secretaría Xeral para o Deporte quere aclarar os puntos referentes en canto a práctica deportiva.
Nun primeiro lugar, as restricións ás agrupacións de persoas non será aplicable no caso da práctica de deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento. En consecuencia haberá que estar ao disposto nos protocolos federativos aprobados segundo o modelo Fisicovid-Dxtgalego.
En canto a mobilidade, a realización de actividades deportivas federadas estarían exentas de restrición. Encóntranse dentro do artigo primeiro apartados 2, punto b 'Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais ou legais', e do punto k 'Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada'.
Por último, o deporte profesional e no profesional federado tamén está exento das limitacións de circulación nas franxas horarias entre as 23:00 e as 06:00 horas e, en canto as competencias doutras administracións públicas, a Secretaría Xeral explica que "esta interpretación dítase sen perxuízo das medidas que poidan acordar outras administracións públicas competentes ou como titulares das instalacións deportivas. Neste caso haberá que estar ao que dispoña a autoridade competente en cuestión."
En calquera dos casos, aos efectos dos apartados anteriores, a persoa interesada deberá portar un certificado da correspondente federación galega na que acredite estas situacións.
Relacionadas:
-
O Centro Deportivo Rías do Sur volve pechar pola actual situación sanitaria
Por Redacción |
-
Moita pedagoxía e ningunha multa nos controis policiais para o cumprimento do peche perimetral e o toque de queda
Por Natalia Puga |
-
Se vives en Pontevedra, Poio ou Marín, estas son as razóns polas que podes saír do municipio ou facer reunións entre non conviventes
Por Manu Otero |