A 'burbulla' de La Vuelta déixase ver en Pontevedra coa presenza do Team Emirates
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
Pontevedra non puido gozar este ano directamente de La Vuelta Ciclista a España. Sede nos últimos anos de finais e saída de etapa, pasos da caravana ciclista pola cidade e mesmo unha contrarreloxo individual, a Boa Vila tívose que conformar en 2020 cunha presenza testemuñal.
Esa presenza, que se deixou notar sobre todo para os viandantes que transcorreron ao longo da xornada polo inicio da rúa Eduardo Pondal, correu a cargo do UAE Team Emirates, un dos equipos do pelotón internacional.
O conxunto, recente gañador do Tour de Francia co esloveno Pogačar, puxo rumbo a Pontevedra tras finalizar a 14ª etapa que unía as cidades de Lugo e Ourense.
Inmersos como están nesta edición todos os implicados na carreira ciclista nunha particular 'burbulla' para evitar contactos co exterior debido á pandemia, o Hotel Galicia Palace foi un dos escollidos pola organización para aloxar os equipos, coa idea de dar acubillo ás escuadras en establecementos separados.
Debido a iso o Emirates 'colonizou' a zona de aparcamento da rúa, na parte traseira do hotel, para colocar alí o seu camión de asistencia, autocar e diferentes vehículos utilizados polo seu staff técnico.
Pontevedra foi un dos lugares escollidos para pernoitar debido a que este xoves 5 de novembro La Vuelta partirá desde a localidade de Mos, cunha etapa de 230,8 quilómetros que lle levará ata Puebla de Sanabria abandonando desta forma Galicia tras tres xornadas de competición.