O Interrías é máis líder tras vencer o Sárdoma (1-2); o Umia cae goleado polo Victoria CF (5-2); e o Arousana salva o empate ante o Mos (2-2)
Por Almu Dapena
Esta fin de semana regresou a Primeira Nacional feminina coa celebración da terceira xornada. O Umia desprazouse o sábado pola tarde a Coruña para enfrontarse ao Victoria CF, o Viaxes Interrías viaxou a Vigo o domingo pola mañá para medirse ao Sárdoma e o Atlético Arousana recibiu, esa mesma tarde, ao Mos na Lomba.
Vitoria CF 5-2 Umia CF
As 'vikingas de Barrantes' afrontaron o encontro na Grela con varias baixas nas súas filas. Aínda así, fixéronse co control do balón desde o minuto uno. O primeiro gol do encontro chegou das botas de Lida. Eva pasou o esférico entre as centrais e deixou á dianteira soa no un contra un coa porteira, logrando definir con claridade para adiantar ao Umia.
Despois do gol o partido cambiou. O Victoria deu un paso á fronte en busca do empate mentres que as pupilas de Edu González relaxáronse e empezaron a cometer erros. Metidas atrás e tentando manter o 1-0, o Umia non puido aguantar o aluvión de ocasións do rival, que logrou empatar a balón parado cando se cumpría o cuarto de hora de partido. Ceti, desde a frontal da área, devolveu o golpe enviando o balón á escuadra da portería defendida por Pipa poñendo o 1-1.
Non foi ata o minuto 37 cando chegou o segundo gol das da Coruña. Andrea Díaz recibiu de costas un centro desde o lateral dereito, virouse na área pequena e marcou sen deixar opcións á porteira visitante. Tres minutos despois, a xogada repetiríase, pero esta vez só tivo que empuxar o balón sen practicamente oposición.
Tras o paso polos vestiarios o Umia cambiou o sistema de xogo coa intención de dar a volta ao partido. Controlaron o esférico no medio do campo logrando a ocasión de facer o 3-2, con todo, foi o Vitoria o que fixo máis grande a ferida aínda que xa nos instantes finais.
A falta de 10 minutos para a conclusión, Rosario rematou ao segundo pau un pase da morte da súa compañeira, poñendo o 4-1 e sentenciando o partido a favor das locais, e Marga anotou para o Umia no 88 ao recibir un pase atrás dentro da área pequena. O Victoria, non conforme, volveu golpear. Varela e Pipa non se entenderon e a dianteira coruñesa, María Nogueira, aproveitou o erro rival para poñer o 5-2 co que finalizou o encontro.
Sárdoma CF 1-2 Viaxes Interrías FF
Pola súa banda, o Interrías é aínda máis líder do grupo despois de vencer ao Sárdoma no campo de As Relfas. O conxunto vigués, que viña de gañar ao Umia na xornada anterior, plantou cara ás de Sanxenxo que tiveron que sufrir para facerse coa vitoria.
O vento foi o claro protagonista durante a primeira parte facilitando atacar pero prexudicando o defender, favorecendo en maior medida as ocasións a balón parado. Empezou avisando o Sárdoma cunha ocasión nada máis comezar o encontro, pero foron as visitantes as que gozaron de máis ocasións aínda que todas anuladas por fóra de xogo.
Non foi ata o minuto 14 cando o Interrías abriu a lata. Balo puxo un centro desde o banderín de córner, a porteira tentou atallar o esférico pero o vento freouno, deixando vía libre a Cata para que o enviase á rede.
Tras o gol, as de Vigo comezaron a buscar o empate e 15 minutos despois atoparon a súa recompensa tamén a balón parado. Nun saque de falta lateral, coaron o esférico, que grazas ao vento foi moi profundo. Xeila entrou soa desde atrás e rematou a pracer, pero o balón deu no pau. Helena, que estivo máis rápida que a defensa, aproveitou o rexeite e puxo a igualada.
A segunda parte tivo ao Interrías como claro dominador. Tocaban a pracer e lograron que o rival se esgotase fisicamente e baixase a intensidade. Foi así como, no minuto 32 cun pase filtrado de Judith, a defensora tocou o balón coa man dentro da área e o colexiado pitou penalti. A encargada de materializar os 11 metros foi Tania Esperón, colocando o 1-2 co que finalizou o encontro.
Atlético Arousana 2-2 UD Mos
O dominio do partido nos minutos iniciais foi para elas, conseguindo xerar ocasións por mediación de María Calvar. Pola súa banda, as locais esperaban ao seu rival no seu propio campo e cada balón que roubaban ía en longo buscando a Belén.
O partido estaba intenso e o gol podía caer cara a calquera bando. O balón tíñao o Mos, que tras unha boa oportunidade do Arousana tocoulle sacar de porta. O balón foi en curto á zaga, que moveu o balón con tranquilidade e sen presión rival. Xavi, aproveitando a pasividade no xogo desprazou en longo buscando a Lucía na banda, que atopou oco no interior da defensa para ceder o balón a Calvar. Esta cedeu a Joa de fronte e, aproveitando que a porteira estaba adiantada, enchufó o balón directo á portería.
A partir do gol o conxunto local comezou a presionar en campo contrario impedindo que o rival tocase en condicións. No minuto 27 o Arousana logrou a igualada. O Mos cometeu unha falta no medio do campo en principio sen perigo ningún, pero Miri enchufó o balón na cabeza de Carolina, que se atopaba na área do Mos, e enviou o balón á rede defendida por Sara.
Despois do gol do empate o Arousana saíu co ánimo renovado en busca do segundo. Aínda que as ocasións sucederon para ambos os conxuntos, ningún foi capaz de mover a balanza ata despois do descanso.
Tras o paso polos vestiarios, as visitantes volveron adiantarse no marcador. Transcorreran 7 minutos e nun contragolpe, Lucía foise en velocidade e centrou o balón cara ao punto de penalti onde a esperaba Irene, a encargada de poñer o 1-2.
De novo, as de Vilagarcía trataron de dar a volta ao partido e a igualada volveu. O Mos, de novo en contragolpe, tentouno con Joana, pero a defensa roubou o esférico limpamente, iniciando outra xogada vital para as locais. Miri pasou o balón a Belén que recibiu ás costas da defensa, pero atopouse coas rivais replegadas. A de Santiago buscou a Caamaño que, á segunda, colleu o balón e regateou a dous defensas provocando unha falta moi perigosa ao bordo da área. A Miri non lle tremeu o pulso e limpou as telarañas para devolver o empate (min 70, 2-2).
Dez minutos despois chegou a xogada providencial do partido. As visitantes, desde campo propio, buscaron a Irene, que en velocidade plantouse diante de Yei que, cunha gran intervención, sacou o pé para rexeitar o balón e impedir o gol da vitoria do Mos. Os instantes finais foron de sufrimento para o Arousana pero finalmente lograron salvar un punto moi valioso.
VALORACIÓN DOS TÉCNICOS
Sandra Diz (Umia CF): "El equipo trabaja bien pero a la hora de competir nos falta ser mucho más ambiciosas de cara a querer hacer más goles. Tenemos que ser más constantes en la intensidad del juego y querer más el balón, no tener miedo. Nos cuesta generar ocasiones, tenemos el control en zona de medio campo pero a la hora de profundizar nos cuesta bastante. Nos falta mejorar el aspecto psicológico que nos lleve a dar el paso de salir a los partidos y no conformarnos solo con un gol".
Luis Treviño (Viajes Interrías FF): "En cómputo general fue un buen partido a pesar de que ambos equipos tuvieron que luchar contra las condiciones metereológicas. En la segunda parte el dominio nuestro fue más alto y las sensaciones fueron otras. Dominamos mucho más el juego y ellas bajaron la intensidad. Considero que es un buen resultado ante un equipo complicado. Ahora toca preparar el siguiente".
Nando González (Atlético Arousana): "O equipo comeza a ter esa personalidad que botábamos en falta e fomos capaces de ir a polo partido".
Relacionadas:
-
O Interrías vence ao Vitoria FC pola mínima (1-0), o Arousana cae goleado ante o Sárdoma (5-1) e o Umia perde na casa co Mos (0-2)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Interrías recupera o liderado tras vencer ao Umia CF nun derbi de alta intensidade (0-2)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O balón parado condena o Arousana en Valladares (2-2) e o Interrías cede o liderado tras caer fronte o Vitoria CF (1-2)
Por Almu Dapena |
-
O Interrías vence o Deportivo B e colócase colíder (3-1); o Arousana cae ante o Victoria FC (2-1); e o Umia perde contra o Sárdoma (1-3)
Por Almu Dapena |
-
O Interrías leva o derbi ante o Arousana (0-3) e o Umia cae goleado na súa visita o Dépor en Abegondo (9-0)
Por Almu Dapena |
-
Definida a competición na Primeira Nacional feminina de fútbol, con inicio o próximo 17 de outubro
Por Redacción |