O Tríatlon Poio e o Motobike Galaico rompen o seu acordo de fusión
Por Diego Espiño
Hai escasos 11 meses que o Club Tríatlon Poio e o Motobike Galaico Pontevedra anunciaban a súa fusión coa intención de "crear unha entidade que poida chegar a ser un referente", sinalaban entón os seus responsables.
Con todo, a unión durou pouco e oficialmente será dun ano, xa que chegará ao seu fin o próximo 31 de decembro.
A separación acordouse nunha asemblea extraordinaria celebrada a finais de outubro, e agora foi comunicada por parte do club de Poio aos seus socios, sinalando que "esta dura decisión é froito das distintas problemáticas creadas ao longo desta tempada en base ao incumprimento dos acordos pechados previamente".
O Tríatlon Poio ten previsto convocar aos seus socios a unha asemblea informativa que se celebrará en próximas datas na Casa do Pobo de Río de Bois, próxima ao campo fútbol de Samieira.
Pola súa banda desde o Motobike o seu responsable Nacho Cons sinalou a PontevedraViva, sen querer entrar en polémicas, que "no cuajamos, no vamos a darle más vueltas", aludindo a unha falta de sintonía entre as directivas que facía inviable a continuidade de proxecto.
No seu caso o Motobike Galaico, que asegura que dará continuidade ao seu proxecto a próxima tempada coa estrutura anterior á fusión, ten previsto dirixirse aos seus socios e deportistas a primeiros de ano, unha vez a unión de ambos os clubs deixe de ter validez de maneira oficial.