Histórico Ribadumia! Vence o Miengo en Cantabria (0-1) e recibirá a un equipo de Primeira na Copa do Rei
Por Diego Espiño
Tardará en esquecer o Club Deportivo Ribadumia a data do 11 de novembro de 2020, unha xornada histórica para o conxunto aurinegro ao conseguir selar o seu pase, por primeira, á primeira rolda da Copa do Rei. O premio a tal fazaña é recibir na Senra a un equipo de Primeira División, coa única excepción dos participantes na Supercopa de España (Real Madrid, Barcelona, Real Sociedad e Athletic Club), pero é será outro cantar.
Os de Luís Carro gañáronse un oco na fase final do Torneo do K.O. ao superar este mércores na rolda previa o Miengo, equipo da Preferente cántabra, nun duelo disputado a domicilio, no campo de Cuchía.
O Ribadumia fixo valer a súa superior categoría e maior rodaxe, xa que o seu rival chegaba á cita só cun partido disputado antes da suspensión da competición na súa liga rexional, para dominar desde o inicio e someter a un Miengo que optou por acazaparse atrás á espera cazar algunha oportunidade illada que lle dese opcións.
En todo caso os galegos tomárono con calma, sen apurarse en exceso, e a través da posesión trataron de ir madurando o encontro. Tardaron de feito 10 minutos en gozar da primeira ocasión, nun remate de Javi Domingo nun dos numerosos saques de esquina dos que dispuxeron que marchou por encima do traveseiro.
O conxunto aurinegro, vestido nesta ocasión de branco, chegaba con facilidade ás inmediacións da área, pero fallaba no último pase. Foi así ata que no 24 chegou unha opción moi clara, tras unha boa combinación do equipo que terminou con Charles habilitando á internada de Cheri. O centrocampista plantouse só ante o porteiro local Bilo, pero este gañoulle a partida.
O duelo era un monólogo, e o Miengo só inquieataba lixeiramente nalgunha acción a balón parado. Así ata o descanso roldou varias veces o 0-1, pero primeiro Fran Fandiño en boa posición ao segundo pau e despois Monchito desde a frontal non acertaron a ver porta. Ao intermedio chegouse con outra dobre ocasión visitante, ben liquidada polo gardameta cántabro.
Nada cambiou tras o paso por vestiarios, e só faltaba por saber cando terminaría por romper o cántaro en favor dun Ribadumia superior. Diego Abal tardou só 2 minutos en probalo nunha acción de estratexia, marchando o seu disparo ao lateral da rede, e se xa de seu a tarefa parecía complicada para o Miengo, púxoselle máis costa arriba no 50 coa expulsión directa de Muni por unha dura entrada a Dieguito.
Só uns minutos despois chegou outra acción para a polémica, ao pedir penalti Fran Fandiño nunha rápida acción ás costas da defensa na que caeu derrubado ante a saída do gardameta local. Non o concedeu o colexiado.
En superioridade o asedio intensificouse, aínda que o Ribadumia seguía pecando de falta de acerto nos metros finais e tamén empezaba a aparecer certa precipitación froito dos nervios.
O tempo seguía pasando e iso favorecía aos de casa, que trataban de resistir, ata que no minuto 70 chegou a acción clave da eliminatoria, o 0-1. Foi nunha falta lateral, no costado dereito e bastante afastada. Ata alí achegouse Diego Abal cambiando de banda para poñer un centro perigoso á área que se foi pechando e aínda que ninguén o tocou fixo dubidar o suficiente ao porteiro coándose ata o fondo da rede.
Restaban 18 minutos para o final, e aínda que os locais tiñan que irse a por o empate, cun futbolista menos non lle responderon as forzas e estivo mesmo máis preto o segundo dos de Luís Carro. Aínda así tiveron unha opción a balón parado, xa no desconto, nun lanzamento de falta de Manu Busto que tocou un compañeiro e chocouse co traveseiro. Un susto de categoría que de entrar non tería feito xustiza. Merecíao o Ribadumia, que terminou celebrando ao grande unha clasificación para a historia. Gañou por méritos propios gozar dunha experiencia única. Nos próximos días coñecerase que equipo de Primeira División pisará A Senra. Fagan as súas apostas.
ÚLTIMA HORA
— RFGF (@futgal) November 11, 2020
O @cd_ribadumia fai historia na Copa do Rei tras derrotar ao Miengo FC (0-1) grazas a un solitario tanto de Diego Abal
Os da Senra mediranse na primeira eliminatoria a un equipo da Primeira División dos que non disputan a Supercopa
Parabéns! pic.twitter.com/1yp3OeKddZ
MIENGO FC (0): Bilo, Haro (Borja, min.60), Balbás, Diego, Juako (Fer, min.80), Fran (Sergio, min.80), Merino, Fito (Ander, min.46), Herre (Samu, min.52), Manu Busto, Muni.
CD RIBADUMIA (1): Roberto Pazos, Santi, Javi Domingo (Miguel, min.56), Diego Abal, Eloy, Cheri (Óscar, min.70), Dieguito, Fran Fandiño (Brais, min.81), Hugo Soto, Charles, Monchito (Fran Matos, min.56).
Árbitro: Jon Ander Azkuenaga (País Vasco). Amoestou a Fito, Manu Busto e Haro no Miengo e a Javi Domingo e Fran Matos no Ribadumia. Expulsou aos locais Muni (min.50) e Diego (min.95), ambos os dous con vermello directo (min.50).
Gol: 0-1 Diego Abal (min.73).
Incidencias: Eliminatoria da fase previa da Copa do Rei disputada a puerta pechada no campo de Cuchía, na localidade cántabra de Miengo.
Relacionadas:
-
O Cádiz esperta do soño copeiro a un digno Ribadumia (0-2)
Por Diego Espiño |
-
Os partidos de Pontevedra e Ribadumia na Copa do Rei serán televisados
Por Redacción |
-
Copa do Rei: O Ribadumia recibirá ao Cádiz; o Pontevedra, ao Cartagena
Por Manu Otero |
-
O Ribadumia cae goleado ante o Alondras (4-0) e o Arosa cede os tres puntos ante o Choco (1-2)
Por Redacción |
-
Cita coa historia para o Ribadumia en Cantabria
Por Redacción |
-
Repartición de puntos entre Ribadumia e Estradense tras un partido de infarto (3-3)
Por Redacción |
-
O Ribadumia visitará o Miengo cántabro no seu debut na Copa do Rei
Por Redacción |
-
O Ribadumia accede á fase previa da Copa do Rei tras gañar nos penaltis ao Viveiro (1-1)
Por Redacción |