O Concello ofrécese a colaborar con Rías do Sur "polo ben da natación e o waterpolo"
Por Manu Otero
A decisión da empresa encargada de xestionar o centro deportivo Rías do Sur de pechar as portas do complexo de Pontemuiños como consecuencia da pandemia da covid-19 obrigou aos clubs que adestran alí a asumir os gastos de mantemento da instalación para poder seguir traballando.
Aínda que polo momento só poden facelo aqueles que tiñan subscrito un convenio coa Fundación Rías do Sur, encargada de dirixir o único centro deportivo de Pontevedra e a súa contorna que dispón dunha piscina olímpica.
"Hai que aclarar que a piscina de Pontemuiños é privada e xestionada por unha fundación na que o Concello non ten parte", puntualiza o concelleiro de Deportes, Tino Fernández. Hai tempo que o convenio subscrito entre ambas as entidades polo que o goberno local dispoñía dunhas horas de uso da piscina está caducado. "Agora non hai ningunha vinculación", remarca.
Con todo, desde o departamento de deportes non son alleos aos contratempos que a xestión desta instalación provoca nos clubs da cidade. "Gustaríanos que se aclarase a situación polo ben da natación, a natación sincronizada e o waterpolo. Que se posibilite que os equipos poidan seguir adestrando e mantendo unha actividade regular", pide Tino Fernández.
Despois dunha semana de peche absoluto, tres equipos decidiron asumir os gastos de mantemento da instalación para seguir adestrando. CN Galaico, Galaico Sincro e Squash Pontevedra chegaron a un acordo coa Fundación para abrir de novo este centro aos seus deportistas.
Pendentes de chegar a un acordo cos xestores está o Club Waterpolo Pontevedra, que carece de convenio con esta fundación, e negocia estes días os termos dun acordo para poder adestrar nestas instalacións.
"Esperamos que as cousas se vaian solucionando. Nós estamos ao dispor da Fundación Rías do Sur e dos clubs para botar unha man", sosteñen desde o Concello, onde tamén están á espera da decisión de Supera para recuperar o normal funcionamento do centro de Pontemuíños.
Relacionadas:
-
O Waterpolo Pontevedra vólvese apuntar ao 'teletraballo'
Por Redacción |
-
As 'promesas' da natación recuperan o seu trofeo na piscina olímpica
Por Redacción |
-
O Waterpolo Pontevedra asina un convenio coa Fundación Rías do Sur para adestrar na piscina olímpica
Por Redacción |
-
Bea Gómez logra ouro e prata no campionato de España de natación en piscina curta disputado en Castelló
Por Almu Dapena | Creada e actualizada
-
Os clubs asumen a xestión do Centro Deportivo Rías do Sur logo do seu peche por parte de Supera
Por Manu Otero |
-
O Centro Deportivo Rías do Sur volve pechar pola actual situación sanitaria
Por Redacción |