O Cisne debe superar a muralla de Guadalaxara para reencontrarse coa vitoria
Por Redacción
O Cisne encara a recta final do seu maratón de partidos cunha nova e longa viaxe. Os brancos enfróntanse este mércores, a partir das 20 horas, ao Guadalaxara nun partido correspondente á xornada 10 da liga Asobal e que fora aprazado polos casos positivos por Covid-19 rexistrados no plantel pontevedrés.
Lastrados por un plantel curto, con lesións, cansada pola acumulación partidos e desde o máis baixo da táboa, os brancos afrontan un esixente duelo contra o duodécimo clasificado. Un equipo que se caracteriza por unha férrea defensa e que recibe moi poucos goles. "É un equipo feito para defender e correr", asegura o segundo adestrador cisneísta, Quiños.
A súa "rochosa e con moita forza" defensa cun marcado sistema 6-0 esixirá aos brancos a súa mellor versión en ataque para poder escalar a muralla. Se o conseguen, veranse as caras cunha das "mellores porterías da liga", recoñece o técnico encomiando a calidade do veterano Hombrados e do iraniano Said, cuxas intervencións salvadoras han signficado vitorias para os manchegos.
En ataque, as súas principais bazas son as central Paredes e o lateral brasileiro Arthur, "que teñen bo lanzamento exterior", puntualizan desde o corpo técnico pontevedrés, sen renunciar a dar un golpe sobre a mesa e sumar o segundo triunfo da liga que sirva para avivar as esperanzas de permanencia.